Davila advirte ao Goberno que está destruindo o SVA coa reforma da xustiza universal
Davila pón de manifesto na súa iniciativa que a polémica reforma da Xustiza Universal realizada polo Goberno segue a xerar unha grande alarma social, xudicial e política debido aos seus efectos perversos. Nese sentido, salienta as continuas informacións sobre a posta en liberdade de narcotraficantes por parte da Audiencia Nacional en cumprimento da nova lexislación imposta.
Ademáis do ámbito xudicial, a deputada do BNG destaca o malestar suscitado entre o colectivo de máis de 2.000 funcionarios do Servizo de Vixianza Aduaneira dependentes do Ministerio de Facenda, que tamén deron a voz de alarma, advirtindo da regresión que conlevará a aplicación desta reforma lexislativa, e sobre todo, dos pasos atrás que se van dar no ámbito da loita contra o narcotráfico.
As redes de narcotráfico téñeno máis doado
A portavoz do BNG no Congreso afirma que o Goberno vai destruir un dos mellores servizos do mundo, un corpo destacado polos seus importantes éxitos na persecución dos delitos de narcotráfico. Lembra que o SVA participou en operacións de grande calado contra as grandes redes do narcotráfico internacional. E salienta que o SVA era o único servizo do mundo que tiña capacidade para operar no Atlántico oriental, a moitas millas da terra.
Un servizo, sinala, que é un modelo para moitos países europeos e incluso EE.UU, que xa amosaron a súa preocupación polo relaxo na vixianza e polo posíbel efecto chamada que este feito pode ter para os narcos internacionais, que se poderán mover con maior liberdade e impunidade posto que saberán aproveitar os resquicios e as lagoas da lei para saltarse os mecanismos de control. Bastará con que non embarquen a cidadáns españois nos barcos, que non naveguen en embarcacións de bandeira española ou que oculten que o destino da droga vai ser o estado español.
A deputada do BNG dirixe unha batería de preguntas ao Goberno por todas estas razóns: Coñece as queixas dos funcionarios do SVA sobre os efectos da reforma da xustiza universal? En que sentido vai afectar ás súas funcións? Non cre que está a pór en perigo o prestixio e o labor dun servizo modelo, exemplar no mundo polos seus éxitos na loita contra o narcotráfico? É consciente o Goberno de que llo está a pór moi doado ás redes de narcotráfico?.