Davila acusa ao ministro de Industria de xestión ineficaz no Tax Lease

 

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, acusou ao Goberno español na comparecencia do Ministro de Industria de “xestión ineficaz” na resolución do problema do Tax Lease que afecta aos estaleiros galegos, nomeadamente os vigueses.

Davila criticou que o Goberno de Rajoy non lle estea dando prioridade a esta cuestión. “Teñen no seu haber unha xestión ineficaz e que pón de manifesto o seu desinterese e a súa despreocupación cando o sector naval representa na Galiza o 5,7% do seu PIB”.

Lembrou que en Marzo Rajoy lle transmitira a Jorquera o compromiso de traballar neste tema como prioridade e logo de tantos meses o Tax Lease segue sen resolverse

“Ineficacia porque despois de tantos meses o tema segue sen resolverse”. Neste sentido, Davila lembrou que en marzo deste ano Rajoy lle transmitira a Jorquera “o noso compromiso de traballar con prioridade por esta cuestión”. O 22 de maio a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reúnese con Almunia quen lle recoñece que a esas alturas o Goberno español aínda non presentara ningunha proposta. E efectivamente, indicou, que a “presentaron incompleta a primeiros de xuño”.

Señor Ministro “prioridade, celeridade e eficacia”

A deputada do BNG foi moi crítica coas xestións do Goberno español porque “non entendemos como hoxe nos pode dicer que onte 4 de setembro e despois de tantas xuntas, reuníronse os técnicos de Facenda e Industria con técnicos da UE”.

“Vostés marean a perdiz e non resolven, mentras o sector naval con máis de 6.000 traballadores no paro, non pode asinar contratos, iso sí, os estaleiros da UE sí o fan. Parecera que vostés traballan máis en beneficio dos estaleiros europeos”. Señor Ministro, subliñou Davila, pídolle “prioridade, celeridade, e sobre todo, eficacia porque o sector naval aporta emprego, emprego de calidade que non se pode perder”.

Pola súa parte, o Ministro de Industria limitouse a explicar que tras as reiteradas negativas da UE a adopción do sistema fiscal francés, o Goberno español decidiu presentar o 1 de xuño pasado un novo sistema alternativo ao Tax Lease.

Un sistema, dixo, que non plantexa novas axudas do Estado, e descansa no réxime retributivo xeral. Había un prazo de dous meses para a resposta da Comisión Europea que rematou o 1 de agosto. Explicou a Davila que a Comisión Europea respostou demandando ao Goberno español algunhas aclaracións.

José Manuel Soria sinalou que o Goberno español remitiu o 10 de agosto as aclaracións, e que hai un prazo novo. Engadiu que onte mesmo tivo lugar a última xunta en Bruxelas na que estiveron os Secretarios de Estado de Industria e Facenda con representantes da Comisión.

O Ministro non concretou nada nen deu nada por seguro respeito a unha solución para os estaleiros de Vigo, tan só expresou o desexo de que os estaleiros poidan “voltar a construir e ter postos de traballo” e que “o noso sector naval teña un sistema de bonificación fiscal similar ao existente noutros paises”.