Criticamos a posición do Estado español sometido a EEUU en asuntos clave como a OTAN e o TTIP
Esta sexta feira (17) e sábado (18) vai ter lugar en Santiago de Compostela o XXI cumio do Foro España Estados Unidos, con presenza de cargos políticos, militares e representantes empresariais de ambos os Estados. Diante deste cumio, o BNG denunciará o permanente sometemento da posición do Estado español aos intereses norteamericanos, especialmente en dous aspectos de crucial importancia: a política militarista executada pola OTAN e o TTIP, actualmente en tramitación. Farao cun acto simbólico de protesta que se desenvolverá na sexta feira (venres), día 17, ás 5 da tarde na Praza 8 de marzo (Porta do Camiño). No acto participará a Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, e o candidato de BNG-Nós pola Coruña, Carlos Callón.
O BNG aproveita a realización na Galiza desta reunión do Foro España-USA para reiterar públicamente o rexeitamento aos tratados de libre comercio TTIP (Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos) e CETA (Acordo Económico de Comercio Global)- que a Unión Europea e os estados de América do Norte (EEUU e Canadá) están a negociar de forma opaca. Uns tratados que, se se aprobararen, terán unhas consecuencias moi negativas para as clases populares galegas, supeditarán o interese público aos intereses e beneficios das empresas multinacionais e provocarán un retroceso sen precedentes nos nosos dereitos económicos, sociais e ambientais máis elementares.
É tamén un momento oportuno para voltar a expresar a posición do nacionalismo galego favorábel á paz mundial, ao respecto á soberanía dos pobos e á resolución pacífica, democrática e xusta dos conflitos internacionais. Por tanto, para reiterar a oposición do BNG á OTAN, ao militarismo e ás intervencións imperalistas comandadas polos EEUU que están a provocar guerra, destrución e o terríbel drama das persoas desprazadas e refuxiadas que estamos a vivir.