O Consello Local do BNG de Ourense pide a demisión do alcalde
O Consello Local do BNG de Ourense, reunido este domingo 23 de setembro, ante a constatación dos cargos que se lle imputan ao alcalde de Ourense quere emitir as seguintes consideracións:
1. O BNG sempre defendeu que unha cousa son as responsabilidades penais e outras as políticas. No ámbito das responsabilidades penais, calquera cidadán, e tamén o alcalde de Ourense, debe contar sempre coa presunción de inocencia.
2. No ámbito das responsabilidades políticas, o BNG xa fixo público e transmitiulle ao grupo municipal do PSOE de Ourense que, no caso de que se producise unha imputación en relación coa gravidade dos feitos que transcenderon publicamente, entendiamos que para evitar o prexuízo á institución o alcalde debería abandonar o cargo.
3. A día de hoxe, xa se produciu a imputación ao alcalde por cargos en exercicio da súa función, polo tanto o BNG entende que debe abandonar a Alcaldía para non causarlle prexuízos á institución no inmediato futuro e, mesmo, para que a súa defensa tampouco se vexa interferida polo exercicio do cargo.
4. Agardamos que esta renuncia se materialice coa maior brevidade posíbel. En todo caso, se non se producise o BNG obraría en consecuencia, xa que para nós é unha cuestión de principios a incompatibilidade da nosa presenza nun goberno dirixido por unha persoa cunha imputación grave.