A consellería de Mar segue sen dar solución á flota cefalopodeira que pescaba en Mauritania
Daniel Rodas denuncia que despois de ano e medio da expulsión da flota galega dos caladoiros mauritanos, a consellería segue sen cumprir os seus compromisos para ofrecer caladoiros alternativos.
O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe unha Proposición non de lei destinada a resolver a actual situación da flota cefalopodeira galega que tras o acordo con Mauritania segue á espera da resposta da conselleira Rosa Quintana sobre o seu compromiso de buscar novos caladoiros.
A día de hoxe, afirmou o nacionalista, os datos confirman que a xestión da consellería resulta contraria aos intereses da flota, a situación é estremecedora, de 24 buques galegos que faenaban en Mauritania, 10 están desguazados, (Axesador,Mar de Marín, Puerto Cádiz, Estela, Praia de Pinténs, Mar Terra, Vara Longa, Subareiro, Monte Carrasco e río Huelva), catro faenan en Gambia con contratos privados (Praia de Area Milla, Praia de Rodeira, Santo do Mar e Corbeiro), outros catro en Angola con contratos privados (Praia de Barra, río Algar I, Fula e Funcho), dous nas illas Malvinas , (Manuel Nores e Iván Nores) un buque vendido a Irán, (Praia de Samil) outro amarrado en Vigo (Balamida), un reparándose en Marín e un en Guinea- Conaki, país que segundo a UE, non reúne as garantías esixidas polo que será expulsado o día 30 de marzo.
A proposición non de lei nacionalista foi rexeitada polo Partido popular porque segundo palabras do voceiro popular, José Manuel Balseiro, os buques non tiñan porto base en Galiza.
Pola súa parte, o deputado do BNG respondeu que tamén están incluídos no segundo pavillón de Gran Canarias as embarcacións do servizo de Gardacostas de Galiza e as empresas armadoras dos buques cefalopodeiros pagan os seus impostos nos portos de Moaña, Cangas, Marín e Vigo e ademais, o persoal, combustible, auga, víveres e avituallamento realizase en portos galegos revertendo economicamente esta actividade na zona.
O deputado do BNG lamentou o voto negativo á proposición nacionalista porque, ao seu xuízo, unha vez máis evidencia a falta de respecto e compromiso da consellería do Mar pola flota galega.