A conselleira de Sanidade debe explicar que fallou para que 150.000 persoas queden sen auga potable
O BNG pide a comparecencia inmediata da consellería de Sanidade, Rocío Mosquera, no Parlamento para que explique as circunstancias que motivaron o corte de subministro de auga potable nos concellos de Narón, Ferrol, Fene, Mugardos e Ares tras a alarma xerada por unha medida que afecta a unha poboación de 150.000 persoas.
A formación nacionalista quere que o Goberno da Xunta explique que protocolo de actuación seguiu, e coñecer de primeira man as causas de ter chegado a esta situación, tendo en conta que todo apunta a que as primeiras análises que detectaron problemas de salubridade na auga potable datan do 29 de xuño.
O BNG tamén considera necesario que a Cámara coñeza cales son as canles de comunicación entre a empresa xestora do servizo de augas, os concellos e a propia Xunta e que coordinación se segue habitualmente cando se trata de facilitar información de interese para os consumidores e consumidoras dun servizo público básico, como é o subministro de auga potable.