A conselleira de Facenda recoñece que os emigrantes retornados non son defraudadores
A deputada do BNG, Tereixa Paz preguntou polas xestións do Goberno galego para paralizar as sancións contra os emigrantes retornados acusados de presunta fraude fiscal por non declararen as pensións devengadas en países estranxeiros
Tereixa Paz, despois de saudar aos representantes da Coordinadora das plataformas dos emigrantes retornados presentes no debate na tribuna de convidados, lembrou que no mes de setembro foi aprobado en sesión plenaria, por unanimidade, unha iniciativa para instar á Axencia Tributaria e ao Goberno do Estado a paralizar os expedientes sancionadores contra os emigrantes retornados por suposta fraude fiscal ao non declararen as pensións devengadas en países estranxeiros.
No mencionado acordo parlamentario tamén se solicitaba flexibilizar o pagamento da cantidade principal e dos intereses.
O BNG, dixo a nacionalista, formulou diversas preguntas sobre esta cuestións respondendo a conselleira de Facenda que xa foran remitidas dúas misivas, unha ao Ministerio de Facenda e outra á Dirección da Axencia Tributaria para trasladar o acordo parlamentario. Transcorrido o tempo, afirmou a deputada, constatamos que os dous organismos mencionados non rectificaron e seguen tratando aos emigrantes retornados como defraudadores.
Tereixa Paz acusou á Axencia Tributaria de non mudar de actitude, a pesar das sentencias xudiciais que obrigan a devolver aos emigrantes as cantidades abonadas por cobro indebido.
Pola súa parte, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz explicou que tras enviar as cartas co acordo parlamentario ao director da Axencia Tributaria, este respondeu co compromiso de elaborar unha campaña de información e analizar caso por caso para conceder o maior prazo posíbel e facilitar o fraccionamento das obrigas.
Ademais, dende o Goberno galego, dixo Muñoz, pedimos que non se interpuxeran as sancións.
Tereixa Paz recriminou á conselleira que o PP votara a favor en Galiza da iniciativa de paralizar as sancións para votar en contra no Congreso, preocúpanos esta dobre linguaxe do Partido popular polo que reiterou a pregunta sobre que vai facer o Goberno galego agora.
A conselleira comprometeuse a enviar unha nova misiva ao Goberno central amosando o apoio da Xunta ao acordo parlamentario e, a maiores, anunciou, remitirei outra carta á directora da Axencia Tributaria estatal pedindo a aplicación das sentenzas do TSXG referidas ao convenio con Alemaña, de antes do ano 2012, que confirman que non tiñan que tributar para que empecen a aplicalas de inmediato.
Non son defraudadores, descoñecían a normativa confirmou a titular de Facenda e así debe ser recollido pola Axencia Tributaria estatal, concluíu.