Congreso pola paz en Colombia
Como explican os propios convocantes, Colombia vive un conflicto social, político e armado que dura máis de seis décadas. As causas do conflito seguen actualmente vixentes, pero tamén resulta evidente que os custes de medio século de guerra son moi altos para a xente deste país.
Os organizadores deste congreso consideran que a paz é unha aspiración urxente que pretenden colocar no centro do debate político do país, coas aportacións e debates dos participantes nestas xornadas, as que asistirán 20.000 persoas chegadas de distintas partes do mundo.
A paz que se promove, indican as organizacións convocantes, debe ir máis aló da terminación da guerra, e debe superar as causas estruturais que deron lugar a este conflito, como a concentración da terra en poucas mans, o monopolio dos medios de produción, a explotación laboral e a opresión social.
Todo iso debe mudar cunha paz que signifique respecto e garantías a os dereitos humanos, económicos, laborais, ambientais e con principios sociais baseados na xustiza social e na equidade.
O BNG, representado por Ana Miranda, tamén participará como observador internacional no proceso electoral deste domingo en Paraguai, tras o golpe de estado pepetrado en xuño de 2012 e que arrebatou o cargo ao entón presidente Fernando Lugo, cuxa victoria nas urnas en agosto de 2008 puxera fin a 60 anos de gobernos de dereita a cargo do Partido Colorado.