Condena e solidaridade do BNG pola morte do activista saharauí Hassanna Luali
O BNG manifesta a súa firme condena pola actuación das autoridades de Marrocos que levou á morte de Hassanna Luali e expresa a súa solidariedade coa familia do activista preso e co Fronte Polisario, ao que enviou unha mensaxe de condolencia e de ratificación do apoio incondicional á causa da independencia do Sahara Occidental.
A loita do pobo saharauí polo dereito de autodeterminación, pola soberanía, polo dereito a vivir na súa terra e dos seus recursos é sistemática e brutalmente reprimida polo Reino de Marrocos. A última vítima desta represión é o activista Hassanna Luali, preso político, defensor dos dereitos humanos e membro da Asociación Saharauí contra a Tortura, detido e encarcerado na cidade ocupada de Dajla desde o ano 2012 polo terríbel delito de participar nunha manifestación pacífica.
Segundo denuncian diversas asociacións e os propios dirixentes da República Árabe Saharauí Democrática, Hassanna Luali morreu por neglixencia médica nun hospital militar de Dajla a onde fora trasladado tras as voces de alarma polo grave deterioramento no seu estado de saúde provocado pola deliberada indiferenza das autoridades de Marrocos.
Esta morte forma parte da longa lista de presos saharauís que morreron como consecuencia do maltrato, o abandono, a falta de asistencia, as torturas e a neglixencia médica deliberada das forzas de ocupación de Marrocos.
O BNG denuncia esta nova agresión, esta nova vulneración dos dereitos humanos de cidadáns saharauís por parte do ocupante marroquino. Unha nova morte consecuencia dunha ocupación ilexítima, consentida pola comunidade internacional. O trato vexatorio e deshumano que Marrocos dispensa @s pres@s polític@s saharauís é inaceptábel, e a comunidade internacional non pode seguir ollando para outro lado.
Por estas razóns a deputada do BNG Montse Prado presentou unha proposición non de lei no Parlamento para que a cámara galega manifeste a solidariedade do pobo galego co pobo saharauí e condene a morte do preso político saharauí Hassanna Luali.
Tamén reclama instar ao Goberno galego a que se dirixa ao Goberno español para que denuncie o proceder de Marrocos co pobo saharauí en xeral e c@s pres@s polític@s en particular, así como para que exixa unha investigación independente sobre a morte de Hassanna Luali. Aliás, pide que o Goberno español, asumindo dunha vez a responsabilidade histórica pola ocupación do Sahara, manteña unha actuación contundente nas institucións internacionais nas que está presente, nomeadamente a UE e as Nacións Unidas, para exixir o cumprimento por parte de Marrocos das leis internacionais e das resolucións da ONU sobre o Sahara Occidental ocupado no camiño da autodeterminación e independencia dese territorio.