A colección de ourivería castrexa máis importante de Galiza de volta no Museo de Lugo grazas ao BNG
Mario Outeiro instou aos representantes do tecido cultural a traballar para que ningún lucense se quede sen coñecer este legado da nación galega
Os e as galegos xa podemos gozar de novo da colección de ourivería prerromana de Álvaro Gil na Sala 8 do Museo Provincial de Lugo, logo do acto de reapertura que se levou a cabo o pasado día 10 de febreiro na galería luguesa logo de que a Deputación adquirise as 40 pezas da época castrexa que forman esta importante colección. O responsábel de Cultura da Deputación e do Museo Provincial de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, e Carlos López Gil, neto do mecenas, en representación dos herdeiros de Álvaro Gil Varela, asinaron o contrato de compravenda a través do que a colección de 40 pezas de ourivería prerromana do filántropo lugués pasa a pertencer en propiedade ao Museo de Lugo e, por extensión, a toda a cidadanía lucense.
Mario Outeiro destacou que este acordo supón "recuperar para uso público un importante patrimonio da nosa historia colectiva como pobo que estaba en mans privadas" e fixo fincapé no feito de que "unha institución pública gobernada polo BNG faga un investimento de preto de 3 millóns de euros en mateira cultural, fronte aos recortes doutras administracións neste eido, co obxectivo de preservar este importante tesouro para as xeracións futuras" e felicitouse de que por fin se dean por rematados 15 anos de sucesivos desencontros entre a Deputación de Lugo e os herdeiros do mecenas, iniciados no 1999-2000 cando gobernaba en San Marcos o popular Francisco Cacharro Pardo, recordou.
Restos de diversos puntos da provincia e de toda Galiza
No acto solemne de reapertura da sala participaron o responsable de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro; o vicepresidente provincial, o tamén nacionalista Antonio Veiga; Carlos e Ignacio López Gil, netos de Álvaro Gil Varela e representantes dos herdeiros. Asistiron tamén asociacións e personalidades do mundo da cultura e o patrimonio de Lugo. Outeiro cualificou o regreso desta colección de ourivería prerromana dunha magnífica noticia para a cidadanía lucense que supera os límites provinciais, xa que recuperamos para o pobo galego un destacado tesouro do patrimonio material da nación galega, manifestou o delegado de Cultura.
Proseguiu Outeiro afirmando que os bens en cuestión son o legado dos nosos devanceiros. Trátase de douradas pezas de arqueoloxía que, fóra do morbo do elemento metálico en cuestión, son indicadores dun pasado vizoso dos pobos do noroeste que conformaría posteriormente a Gallaecia romana ou xa despois o primeiro reino moderno de Europa, o Reino de Galiza. Restos de Viveiro, Mondoñedo, Burela, Foz, Castro de Rei ou Riotorto, pero tamén de Toques, Melide, Pontedeume, Boiro, A Estrada ou da Gudiña. Galiza enteira a maiores do enigmático Carneiro Alado, de incerta procedencia xeográfica pero dunha valiosísima execución artística, concluíu Outeiro.
Diversas iniciativas nos vindeiros meses para poñer en valor este "tesouro"
Mario Outeiro felicitouse de que se puxese fin a todos estes anos de desencontros cos herdeiros de Álvaro Gil e presentou as iniciativas que se van acometer nos próximos meses para poñer en valor esta colección. En primeiro lugar procederemos á renovación da sala de ourivería para actualizada en canto a obxectos expostos, facela máis didáctica empregando as novas tecnoloxías, dotándoa de máis elementos de seguridade e facéndoa máis accesíbel para persoas con capacidades diferentes, un campo no que o Museo de Lugo leva sendo referente a nivel estatal, apuntou o delegado de Cultura.
A segunda iniciativa será a publicación dun catálogo cos obxectos expostos na devandita sala, froito do traballo de investigación da director do Museo, Aurelia Balseiro, e de Ofelia Carnero. Será un referente en papel que servirá para que investigadores e curiosos se acheguen dun xeito científico e visual ao tesouro lucense, indicou.
O terceiro punto correspóndese coa posta en marcha dunha gran exposición temporal de arte galega, propiedade da familia Gil e cedida gratuitamente pola mesma ao Museo de Lugo. Desta maneira todo o pobo galego terá acceso por vez primeira a unha magnífica colección froito das estreitas relacións entre o filántropo lucense e os referentes artísticos e culturais da época. Iníciase deste xeito unha serie de colaboracións nos que Familia e Deputación deben traballar no futuro para implementar unha boa dotación cultural para a cidadanía, destacou.
Finalmente, en cuarto lugar, Outeiro avanzou que homenaxearemos a Álvaro Gil Varela e por extensión a cada un dos benfeitores do MPL nestas décadas de existencia entre os que destacan os Fernández ou Xan de Forcadas. Darei con elo cumprimento á promesa feita en outubro de 2013, no que anunciaba que, con colección ou sen ela, os lucenses estabamos en débeda con Gil Varela, remarcou.
Unha figura aínda moi descoñecida
O responsable de Cultura da Deputación de Lugo considera que a figura de Álvaro Gil é, por desgraza, inxustamente descoñecida para a cidadanía, fóra dos veciños da Milagrosa, que teñen un oco no rueiro, ou da colección que hoxe nos reúne, indicou. Outeiro lembrou que Gil, ou Xil, como o denominaban moitos dos seus compañeiros da época, era un amante da arte e da cultura galega que foi fundador de Ronsel e membro da Mocidade Céltiga en Madrid, onde frecuentou os círculos galeguistas e republicanos mentres estudaba Enxeñaría Técnica de Montes. Logo, en Pontevedra, partillou amizade con Castelao e Bóveda, que lle abriron as portas do Partido Galeguista, antes de ser encarcerado na illa de San Simón tralo levantamento militar, indicou.
O responsable de Cultura da Deputación agarda que Álvaro Gil sexa o espello no que se miren os empresarios galegos do presente, fundamentalmente nos tempos de crise que todo o arrasan, e sexan os galeguistas de antano o facho aceso que guíe as decisións de todos os que temos responsabilidades de goberno, apuntou.
Petición á Xunta de celeridade na declaración de Ben de Interese Cultural
Mario Outeiro incidiu na importancia de que esta colección reciba a consideración de Ben de Interese Cultural, un proceso iniciado o pasado 23 de outubro de 2013 cando a Consellería de Cultura publicaba no DOG a resolución de incoación de expedición para esta declaración, a instancias da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela: A Consellería, ademais de non cuestionar o carácter sobranceiro desta colección, establece un prazo de 20 meses para a resolución do expediente, prazo que remata en xuño. Prégolle celeridade á Consellería para non esgotar os prazos estipulados, así como que acceda á petición de BIC para o legado de Álvaro Gil, porque será unha magnífica nova non só para a protección do mesmo no futuro, senón tamén para a difusión dun ben cultural que aspira a ser un dos referentes tamén turísticos do Noroeste Peninsular.
Comuñón de intereses de traballadores, grupos políticos e herdeiros
Mario Outeiro agradeceu o traballo dos empregados do Museo Provincial, a confianza depositada polos compañeiros da corporación provincial, que entenderon que o que se estaba a negociar era un dos símbolos identitarios máis importantes para Lugo cunha repercusión económica e turística de primeira orde, e o esforzo realizado polos herdeiros, que permitiu que a Deputación de Lugo aforre a cantidade nada desdeñábel de 5 millóns de euros, a maiores das distintas colaboracións culturais encetadas e que agardo se manteñan de xeito indefinido no tempo, afirmou.
Finalmente, instou aos representantes do mundo da cultura e do tecido asociativo cultural lucense presentes na sala a que divulguedes nos vosos ámbitos de actuación que a colección regresou ao museo e regresou para quedar, propiedade de todas e todos os lucenses e por extensión de todo o pobo galego. Entre vós e nós está a misión de que non quede ningún lucense por coñecer a Sala nº 8 e por facer dela outro dos referentes turísticos da cidade como é a Muralla, concluíu Outeiro.