Carreira solidaria c@s afectad@s pola Hepatite C, teñen dereito ao mellor tratamento dispoñible!
O BNG apoia as reivindicacións da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C que demanda o acceso aos fármacos de última xeración, como o Sofosbuvir, para todas e todos os doentes afectados que o necesiten, fronte ao criterio restrinxido que propón o Ministerio de Sanidade que implicaría que este tipo de medicamentos só chegaría en 2015 a unhas 6.000 persoas cando a cifra de doentes ascende a 30.000.
Para facer ouvir as súas demandas, e coa participación de atletas solidarios de diversas partes de Galiza, a Plataforma organiza una carreira de relevos entre Vigo e Santiago de Compostela para o día 4 de xaneiro que parte ás 8.30 horas desde a árbore de Nadal da Porta do Sol da cidade olívica e conclúe as 18.30 horas na Praza do Obradoiro, onde depositarán unha singular carta reivindicativa aos Reis Magos no o portal de belén instalado ante a catedral compostelá.
A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, e a deputada no Congreso Rosana Pérez, asistirán á concentración prevista ao final do percorrido desta carreira de relevos, que se convoca baixo o lema Os recortes matan. Medicación para todos, e fan un chamamento a toda a cidadanía para que se sume e contribúa coa súa presenza a amplificar as demandas dos afectados e afectadas por esta doenza ante o Ministerio de Sanidade.
O Bloque ten presentado xa diversas iniciativas parlamentares sobre este asunto, facéndose eco tanto das reivindicacións dos doentes como das recomendacións dos expertos sanitarios, para que as persoas que sofren hepatite C teñan acceso desde a sanidade pública ao mellor tratamento dispoñible.
Neste sentido, o BNG ven de presentar no Congreso a solicitude de comparecencia urxente do ministro de Sanidade para que dea conta de cales van ser as actuacións do Goberno central ante esta demanda que afecta a saúde de miles de persoas.