Carme Adán leva ao Parlamento a venda dunha muller por 1.000 euros a un club de alterne en Vigo
A deputada pide que a Secretaría xeral de Igualdade valore o acontecido na cidade de Vigo onde unha muller foi vendida por 1.000 euros para ser obrigada a prostituírse
A deputada do BNG, Carme Adán presenta no Parlamento galego unha pregunta relativa á condena de 3 anos de cadea a Daniel E, pola trata con fines de explotación sexual, tras vender a súa noiva por 1.000 euros a un club de Vigo.
A deputada solicita unha valoración da secretaria Xeral de Igualdade sobre o acontecido e denuncia que estamos ante unha nova mostra de utilizar as mulleres como mera mercadoría e obxectos cos que se pode negociar.
Por outra banda, a parlamentaria salienta que chama a atención que a condena de tres anos por vender a unha muller sexa a mesma que a aplicada a dous sindicalistas por defender os dereitos dos traballadores.
Adán quere amosar a súa repulsa, no seu nome e no do BNG, a accións que revelan, unha vez máis, a indefensión das mulleres nunha sociedade na que institucións políticas e xudiciais non poñen freo ás situacións de desigualdade.
A nacionalista denuncia a tolerancia de feitos nos que as mulleres seguen sendo obxectos de violencia e explotación como o acontecido na cidade de Vigo.