Carme Adán: "O cheque bebé non resolverá o problema demográfico en Galiza"
A deputada lembrou que o Goberno de Feijóo converteu a política social nun campo de minas e os orzamentos para o ano 2016 constatan as mesmas eivas neste ámbito
A parlamentaria do BNG, Carme Adán criticou que o novo conselleiro de Política Social utilice como bandeira da demografía o cheque Bebé Zapatero pero en cutre porque non resolverá o problema. Vostede presenta os orzamentos con propaganda dunha Galiza como o mellor lugar para ser neno, o mellor lugar posible para ter fillos e Galiza terra de grandes promesas pero o que nos din é que eses nenos e nenas van a atopar unha débeda pública de 13 mil millóns de euros consignada nos orzamentos, ademais da opaca.
O Goberno converteu a política social nun campo de minas
O goberno Feijóo converteu a política social nun campo de minas e agora vostede intenta vendernos un slogan pero non a desactivación desas minas. Vostede, engadiu Adán, nos fala hoxe de dinamización demográfica, novos programas de inclusión, novos servizos socias e nova dependencia pero a realidade é que nos presenta un cheque Bebé para un ano, destinando 9 millóns de euros e 6 millóns para bono concilia e bono concilia no rural polo que preguntou a cantos nenos e nenas se pode chegar con nove millóns de euros, porque en Galiza naceron máis de 19.000 bebés, firmou.
Cos seis millóns restantes farán un bono concilia, e dicir, seguirán dando axudas para privatizar e non facer prazas públicas porque en escolas infantís a cobertura do 33% das prazas privadas tamén están incluídas nesa partida polo que cominou ao conselleiro a dicir o número de prazas públicas e non seguir torturando os datos.
A deputada tamén se referiu ao bono coidador no rural do que dixo, xa anterior conselleira anunciou casas niño en quince concellos no ano 2015, cales son, onde están, volveu preguntar a nacionalista e lembrou que Beatriz Mato a maiores, prometera 2.000 prazas públicas en escolas infantís, sabe se abriu algunha ou se vai a ver algunha nova, volveu preguntar Carme Adán.
Política social tamén é crear postos de traballo para a mocidade
A parlamentaria insistiu en que máis de 50.000 mozos e mozas abandonaron Galiza e o problema, explicou, non é só que nazan nenos e nenas, o problema e que mozos e mozas formados neste país non emigren que teñan postos de traballo.
Finalmente, a deputada volveu a reclamar axilidade na concesión RISGA para que baixe dos oito meses porque os retrasos, afirmou, están nas delegacións da Xunta de Galiza, non nos concellos.
A nacionalista concluíu a súa intervención preguntando sobre dependencia e servizos sociais porque as prazas de dependencia, son como un expediente X, resulta imposible coñecer os números reais ao non coincidir os datos do INSERSO cos do Goberno. A conselleira Mato prometeu que os menores con discapacidade non irían a centros de maiores e no artigo 29 da lei de acompañamento, esa porta de atrás que vostedes tanto utilizan, especifica que os menores de 16 anos serán atendidos polos equipamentos con persoas con discapacidade.