Carballo, exemplo da aposta estratéxica pola formación e a creación de emprego desde os concellos
O portavoz nacional, Xavier Vence, puxo o traballo do goberno municipal de Carballo que encabeza Evencio Ferrero como exemplo e modelo da aposta estratéxica do BNG pola formación e o emprego que impulsa desde os concellos nos que goberna, para contribuír a inserción laboral nun momento de extrema dificultade á hora de encontrar un posto de traballo.
É un compromiso con aqueles que teñen máis problemas, que son as persoas sen emprego nun contexto de crise, resaltou Vence, de visita institucional no Concello onde coñeceu ás instalacións do Forum Carballo que acolle os diferentes cursos formativos que se están a impartir, e dos que xa se teñen beneficiado máis de medio millar de persoas.
Acompañado pola equipa municipal, Vence fixo fincapé no esforzo orzamentario que realiza o Goberno local en materia de formación e promoción de emprego, aportando 300.000 euros de recursos propios en 2014, cantidade que se duplicou nos últimos tres anos pese aos recortes. Reflexa unha aposta polo emprego e pola formación ao servizo da cidadanía e da creación dun concello e dun país con futuro, insistiu.
O portavoz nacional pediu á Xunta un maior compromiso co Concello de Carballo para traballar nesta dirección utilizando as infraestruturas que ofrece o Goberno municipal, en lugar de botar man de empresas privadas cuxa xestión da formación non sempre responde a criterios de rigor, eficiencia e transparencia.
Canalizar eses recursos públicos polas iniciativas que demostran eficiencia, claridade e vocación de prestación de servizos reais á comunidade, como é o caso de Carballo, exemplo de que as institucións públicas, cando teñen ideas e vontade, son un mecanismo moito máis claro é eficiente para a formación, argumento Vence.
Unha idea na que afondou o alcalde Evencio Ferrero, quen puxo en valor as infraestruturas do Forum Carballo, con 21 especialidades formativas homologadas, que o converte no centro máis completo de Galiza, e volveu solicitar unha maior implicación da Consellería de Traballo para, desde a colaboración institucional, maximizar o aproveitamento destas instalacións en beneficio da cidadanía de Carballo e da comarca.
En materia de política laboral do goberno local, Vence tamén salientou o papel do servizo da Bolsa de Traballo do Concello, que xa recolle máis de mil ofertas de traballo, polo seu labor de intermediación entre as empresa e os traballadores e traballadoras, máis eficaz á vista das cifras do que as oficinas de emprego da Xunta e do Ministerio.
O portavoz nacional felicitou á equipa de Goberno de Ferrero cuxa traxectoria de traballo cualificou de modélica polas diversas iniciativas que estan a transformar a faciana de Carballo e mellorando a calidade de vida da veciñanza.
As propostas de peonalización, de recuperación de espazos públicos co programa de murais para transformar as medianeiras dos edificios en creacións artísticas, as obras de urbanización de rúas e prazas entre outras medidas están a facer de Carballo unha vila máis amigable, atractiva para visitar e desfrutar, concluíu.