Un candidato que fuxe das súas siglas como Feijóo non é un candidato de fiar
A quen quere enganar agora o señor Feijóo? -dixo- cando é evidente que nestas eleccións votar Feijóo é votar Rajoy, é dicir si a unha política de recortes que só coduce a agravar a crise e facela repercutir nas maiorías sociais, nas clases populares.
Pontevedra é un bo exemplo de que se pode ser insumiso aos recortes e ven de demostralo atoapando a forma de compensar aos empregados públicos pola suspensión da paga extra de nadal
Jorquera, durante a presentación da candidatura de Pontevedra, insistiu en que a herdanza que deixa Feijóo non pode ser peor para Galiza, pois fracasou á hora de responder a todos os problemas que ten a sociedade e será recordado como o campión das promesas incumpridas.
Neste sentido, reiterou que Feijóo ten o grave problema de concorrer a estes comicios sen un balance de xestión que poder presentar, por iso Galiza precisa abrir un novo tempo político, caracterizado por políticas realmente alternativas, que rexeneren a democracia, que aposten por poñer o País a producir, por afortalar os servizos públicos, nomeadamente ensino e sanidade, e por políticas que defendan e amplien o autogoberno.
Pontevedra, insumisa aos recortes
O candidato nacionalista explicou que estas políticas diferentes son posíbeis e puxo como exemplo o caso de Pontevedra, como mostra de que si se pode ser insumiso aos reoortes, plantarlles cara como acaba de facer Portugal, con medidas como compensar aos empregados públicos pola suspensión da paga extra de nadal.
Para Jorquera, Galiza ten a grande oportunidade o próximo día 21, da man do BNG, de apostar por un goberno que sexa dique de contención a esas políticas antisociais que non serven para saír da crise e que benefician só ao 1 por cento da sociedade a costa de empobrecer á grande maioría.
Luis Bará
Pola súa parte, o candidato número 4, o pontevedrés Luis Bará, salientou as listas pola provincia como unha mistura de experiencia e renovación que dan forza e amplitude ás propostas do BNG, propostas que dende a coherencia, o activismo e a valentía poden facer fronte ao roubo legalizado que é a crise.
O cabeza de lista pola provincia, Carlos Aymerich, salientou a xestión nacionalista no concello de Pontevedra como faro para toda Galiza e coincidiu coa candidata número 2, Carme Adán, en que hai que recuperar o valor da política, entendida como instrumento para transformar as cousas, entendida como política para a xente fronte á política do desencanto que tenta impoñer a dereita, concluiu Adán.