BNG vota en contra do Decreto de Dereitos Audiovisuais do Fútbol por beneficiar aos clubes ricos
Rosana Pérez ironizou coa poareda que levantou este Real Decreto e que da idea do negocio. O fútbol profisional, o dos grandes, fai tempo que deixou de ser un deporte para se converter nun espectáculo deportivo, e sobre todo, nun grande negocio.
Resaltou a queixa común de todas as partes de que non houbo diálogo. Criticou os criterios de reparto dos ingresos obtidos da venda dos dereitos audiovisuais dos clubes de Primeira e Segunda División, que van provocar que os ricos sexan aínda máis ricos e que se incrementen as diferenzas entre os máis poderosos e o resto. Provocará un aumento das desigualdades entre categorías.
Pensado para os clubes ricos
Rosana Pérez aludiu así ao criterio de reparto dos ingresos entre Primeira e Segunda División, nunha proporción de 90% - 10%. E puxo de exemplo Franza onde o reparto se sitúa en porcentaxes de 65% e 35%, máis proporcionado e que pode contribuir a solucionar a existencia de problemas de impago que poden sofrer algúns profisionais.
Asemade, reprochou a Wert a falla dunha verdadeira aposta polo fútbol e o deporte de base en xeral que é o máis necesitado de recursos.
Outra das críticas da deputada do BNG centrouse no contido do artigo 7 do Real Decreto, onde figura a constitución dun órgao de control da xestión dos dereitos audiovisuais. Non é preciso ser un grande entendido na materia para ver que este órgao de control estará nas máns dos dous grandes clubes de fútbol de Primeira, e do Presidente da Liga Nacional de Fútbol Profisional. Tres membros que serán permanente. O resto, dous máis de Primeira e un de Segunda, non parecen ter mais función que a meramente decorativa.
Dado o descrito non parece un órgao nin moi equitativa nin moi transparente, afirmou.
Os impostos dos futbolistas de moitos ingresos: asignatura pendente
Rosana Pérez fixo tamén unha alusión a outra das polémicas existentes no mundo do fútbol, relacionada co tratamento fiscal dos dereitos de imaxe dos futbolistas. Deixou claro que o BNG sempre defendeu un plan global de loita contra a fraude e a evasión fiscal, e non meras actuacións puntuais en campaña eleitoral con obxectivos mediáticos.
Criticou que os ingresos dos futbolistas rematen sempre noutros países ou tributen como sociedades nas que o socio é o propio futbolista, pagando menos impostos. Tampouco é de recibo que as débedas dos clubes, especialmente dos grandes e ricos, coa facenda pública e a seguridade social sigan a ser multimillonarias. Unha situación que cualificou de discriminatoria para co resto da poboación.
Rosana Pérez reprochou a Wert a falla de política deportiva, e puxo enriba da mesa unha asignatura pendente: a Lei do Deporte Profisional. Recriminoulle o recurte de competencias das CC.AA que se fixo na Lei de Racionalización do Sector Público co estabelecemento da licenza deportiva única, que supuxo recentralizar competencias.
Rematou aludindo ao impedimento normativo que prohibe ás selecións deportivas como a seleción galega para que participen en competicións estatais ou internacionais .