O BNG volve a reclamar no Parlamento incrementar horarios e frecuencias de trens
Ana Pontón afirma que o PP mantén silencio sobre o accidente de Angrois porque situaríao ante un espello no que non se podería mirar
Pleno.- A parlamentaria do BNG, Ana Pontón volveu a reclamar hoxe para Galiza, servizos ferroviarios dignos e o incremento de horarios e frecuencias atendendo ás necesidades dos usuari@s.
Na súa intervención, a deputada criticou a creación dunha xerencia de cercanias cando en realidade, afirmou, non existen trens de cercanías, pero que tomadura de pelo e esa igual que a do Sr. Agustín Hernández cando gastou un millóns de euros en estudos de viabilidade para un metro lixeiro en Vigo, Coruña e Santiago, pura propaganda á costa de recursos públicos que logo negan para modernizar o ferrocarril.
Por outra parte, a nacionalista recordou aos deputad@s do Partido popular o Pacto do Obradoiro asinado entre Feijóo e o ex-ministro José Blanco, pero hoxe puntualizou, estamos falando de cousas máis básicas, polo que demandou máis frecuencias nas liñas con maior demanda contemplando as necesidades laborais e de estudantes usuarios e usuarias do ferrocarril para poder usar este medio entre cidades e vilas.
Se as frecuencias foran incrementadas, aseverou, o número de usuarios e usuarias do ferrocarril sería moito maior, non só entre Coruña e Vigo senón tamén no resto do país para que as persoas de Ordes, Carballiño, Padrón... tamén teñan dereito a utilizar este medio. Neste sentido, recalcou que foi o Partido popular o que eliminou servizos de media distancia, concretamente, a Sra. Ana Pastor.
Ana Pontón non quixo falar do accidente de Angrois do que dixo o PP ten mala conciencia porque sabe que con maiores sistemas de seguridade ese accidente se tería evitado e por iso queren manter o silencio porque a verdade situaríaos nun espello non que non se poderían mirar.
Os votos do grupo maioritario do PP impediron que prosperara a Proposición non de lei do BNG destinada á mellora dos servizos ferroviarios e o incremento de horarios e frecuencias dos trens galegos así como a creación dunha rede de cercanías.
O deputado do PP, Alejandro Gómez argumentou que a Liña do Eixo Atlántico é un éxito e non precisamos máis melloras.