O BNG volve pedir ao PP un cambio de rumbo nas políticas educativas
Cosme Pombo defende emendas aos orzamentos de Educación ao fin de aumentar as partidas no ensino, na cultura e para as universidades
Pleno. Ao igual que fixera no debate das emendas en comisión, o deputado do BNG, Cosme Pombo defendeu 92 emendas destinadas a recuperar a calidade do ensino, defender a cultura e idioma galego e dotar de máis recursos ás universidades.
O continuo retallar no ensino, dixo o nacionalista, lévanos a situacións dramáticas, este ano 89 millóns de euros menos de gasto non financeiro na consellería de Educación, Cultura e Ordenación universitaria dos que 20 son imputábeis á consellería de Educación, e con esta nova retallada, afirmou, os orzamentos convértense en inxustos, antisociais, non crean emprego nin dinamizan a economía galega.
Os orzamentos, traerán ao noso país, máis recortes, recesión económica, menos cultura, menos educación e menos ordenación universitaria.O deputado asegurou que as contas para o 2014 anuncian menos actividades culturais, menos promoción da cultura, menos defensa do patrimonio e un profesorado cada vez máis minguado.
O PP continua no 2014 no camiño dos recortes
Máis repagos, menos cartos para libros e funcionamento dos centros que prexudicarán gravemente ao alumnado.Asemade, Pombo salientou que no ano 2014 haberá menos profesorado para educación infantil e resto de niveis.
As emendas do BNG, defenden manter viva a educación, a cultura e o noso idioma porque no ano 2013 a educación e cultura ían camiño da sepultura e no ano que entra, de non mudar os orzamentos do PP dixo,serán soterrados definitivamente.
Ante esta asfixia económica planificada, o BNG defendeu aumentar os orzamentos con emendas para corrixir os graves desaxustes introducidos polo Partido popular. En primeiro lugar, manifestou, nós propoñemos 92 emendas destinadas a apoiar a lingua, a cultura e o patrimonio en contra dos recortes.
Debemos aumentar as partidas para o libro galego e bibliotecas así como festivais de música e danza e por iso presentamos, dixo unha emenda de 1,5 millóns para as artes escénicas,2,5 millóns de euros para o audiovisual galego e apoiamos tamén o consorcio de Santiago e as súas actividades.
Ensino de calidade con recursos e profesorado.
No relativo á educación, defendeu un segundo grupo de emendas para recuperar a calidade do ensino público e contra a lei LONCE. Os recortes supuxeron graves recortes no rural, menos medios , máis repagos e menos libros e comedores.
O parlamentario lembrou a desaparición do programa Preescolar na casa e volveu reclamar máis dotación para centros educativos, partidas prometidas xa polo Partido popular que nunca executa, concluíu.