O BNG valora como "decepcionante" a xuntanza co secretario de Política Lingüística

O BNG lamenta a “falta de vontade do PP por retomar o consenso” que recolleu o Plan xeral de normalización da lingua galega.

Considera que a Xunta “non ten vontade de rectificar” unha política que ataca o proceso de normalización da lingua galega.

 No trancurso da xuntanza co secretario de Política Lingüistica celebrada no Parlamento galego, o BNG comunicoulle  a súa preocupación pola situación do idioma e os retrocesos que se están producir.

Entre os temas que lle trasladou destacou, a situación do ensino e concretamente sobre os datos que constatan que “o decreto do plurilingüismo está a ser gravemente lesivo para o ensino do galego” representando un paso atrás sen precedentes nas últimas décadas.

Tres anos de aplicación deste decreto, manifestou a deputada Ana Pontón, confirman que “só serviu para que a lingua galega fose perdendo espazos, e mesmo, que resultase varrida do ensino infantil nas cidades”. Supón, engadiu, decretar a marxinación da lingua galega e contrario a un proceso realmente normalizador.

A portavoz do BNG lembroulle que este decreto tivo en contra toda a comunidade educativa, incluída a universitaria, o Consello Escolar, a Real Academia Galega e ao Consello da Cultura. Para o BNG, dixo, é unha condición necesaria, para que se restaure o consenso nesta materia, que se elabore un novo decreto, que conforme ao estabelecido no PXNLG cumpra os seguintes criterios:

 Educación Infantil:

• Estabelecer unha oferta educativa en galego en preescolar (0-3 anos) e na educación infantil para todos os nenos e nenas galegofalantes.

• Fixar, como mínimo, un terzo do horario semanal en galego nestas etapas educativas para os contextos e contornos en que a lingua predominante sexa o castelán, coa intención de que esta porcentaxe se vaia incrementando progresivamente.

• Desenvolver programas experimentais en galego para castelanfalantes, asegurando o seu rigor pedagóxico, así como o seu seguimento e avaliación.

• Fomentar a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, na perspectiva de que este se converta no idioma de base da aprendizaxe escolar.

No resto do ensino Ensino Obrigatorio, se quixermos garantir a continuidade da nosa lingua, tal e como demostran numerosos especialistas e estudos a nivel mundial, cómpre conseguir que o alumnado, como mínimo, reciba o 50% da súa docencia na lingua que se atopa en situación de inferioridade, no noso contexto, o galego.

A portavoz de lingua do BNG amosou a súa preocupación pola situación do galego noutros ámbitos e a vulneración dos dereitos lingüísticos que se está a producir. Así, sinalou o retroceso do uso galego por parte da Xunta (tanto na súa relación interna como externa), casos como os da autoridade portuaria da Coruña (onde non se admiten escritos por estaren en lingua galega), as sancións de tráfico ás autoestradas por usaren o galego nos sinais, a exclusión do galego por parte de empresas que prestan servizos na Galiza ou os problemas que continúan a existir para utilizar o galego na xustiza.

O BNG reproba a falta de implicación da Xunta coa lingua galega

Tras a reunión co Secretario de Política Lingüística a parlamentaria do BNG lamentou que a Xunta non trasladase ningunha proposta concreta, e que teime na súa negativa para aplicar o PXNL, un documento aprobado por todos os grupos (incluído o PP) no ano 2004, pendente de aplicación na maioría das súas medidas e absolutamente necesario para avanzar no proceso de normalización lingüística.

Hai que lembrar, dixo, que a lingua galega continúa estando discriminada e marxinada, que é imposíbel vivir en galego 24 horas e que o marco vixente obriga a pór en marcha accións positivas que contribúan a eliminar estas discriminacións. O BNG lembra que a crítica situación do idioma e os retrocesos non só son denunciados por numerosos colectivos e organizacións galegas. Recentemente o Comité de expertos do Consello de Europa censurou gravemente os retrocesos que en Política Lingüística realizara a Xunta e Galiza, por vulnerar a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.

O BNG trasladou ao secretario xeral de Política Lingüística que foi “o Goberno do PP quen rachou o consenso” estabelecido no Plan e instouno a modificaren a súa política agresiva contra o galego e retomar os acordos referendados no seu día.