O BNG tilda de "pelotazo urbanístico" do Ministerio de Defensa a venda das parcelas da Maestranza
O deputado do BNG, Francisco Jorquera afirmou que as parcelas forman parte do patrimonio galego e o Ministerio de Defensa, en troques de reverter os terreos para disfrute público, especula con eles como se fose unha inmobiliaria.
O deputado do BNG, Francisco Jorquera preguntou hoxe ao goberno intención do Ministerio de Defensa de someter a unha segunda poxa tres parcelas do campo da Estrada da Coruña cunha extensión de 30.000 metros cadrados e polas que pretende ingresar case 25M, a pesar de ser terreos comunais.
Para o deputado, Defensa en vez de reverter os terreos para disfrute público, especula con eles como se fose unha inmobiliria pero os terreos, afirmou, pertencen ao patrimonio galego.
O parlamentario explicou que os terreos foron ocupados polas monarquías absolutistas para a construción de instalacións militares e máis tarde usufrutuados polo Ministerio da Guerra e aínda que a Xunta non ten competencia cremos, dixo o nacionalista, que o Goberno galego debe ter unha posición ante este tipo de operacións que afectan ao patrimonio galego polo que preguntou que vai facer a Xunta ante a posibilidade dunha segunda poxa ou a adxudicación directa dos inmobles a calquera comprador.
Rueda responde que debe ser o alcalde da Coruña quen negocie co Ministerio de Defensa a recuperación dos terreos
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda respondeu ao deputado do BNG que a Xunta non ten competencias nesta materia e o concello obtivo beneficio do convenio con Defensa. Rueda insistiu en que debe ser o alcalde da Coruña o que debe negociar a cesión ao concello dos terreos.
Na quenda de réplica o deputado preguntou se a Xunta non ten competencias en materia de patrimonio, urbanismo ou parécelle ben que o Goberno central, en funcións pretenda espoliarnos. Jorquera lembrou que Barcelona conta con dous espazos emblemáticos como o Parc da Ciutadella e a montaña de Montjuic que eran espazos militares que foron doados á cidade, e Madrid presume de ser unha das cidades de Europa con máis parques grazas a que propiedades da Coroa ou antigos coutos de caza da realeza como a Casa de Campo ou o Retiro foron doados ao pobo de Madrid. Mentres tanto en Galiza, recalcou o parlamentario, o Ministerio de Interior négase a entregar o cárcere e a Xunta viuse obrigada a pagar polo edificio do Hospital Militar.
O deputado reiterou que Defensa pretende dar pelotazos urbanísticos con terreos que son patrimonio galego. Exerzan vostedes como goberno e opóñanse a este espolio, concluíu.