BNG ten a man tendida para conformar unha candidatura nacionalista para derrotar a Feijóo
O Consello Nacional do BNG formalizou o arranque da precampaña dos comicios galegos na que empeza a traballar de inmediato coa elaboración do programa electoral no seo dunha comisión integrada por persoas militantes e simpatizantes, que estará coordinada desde a Executiva nacional por Noa Presas e Nestor Rego.
Coa vista posta nesa cita decisiva para o país a portavoz nacional, Ana Pontón, reitera que o BNG aposta por unha candidatura de unidade do nacionalismo para derrotar a Feijóo e dar unha alternativa de futuro a Galiza.
Desde o Bloque seguimos tendo a man tendida a todos e todas as nacionalistas para traballar nunha candidatura na que o BNG sexa peza clave na derrota do PP e na posta en marcha dunha alternativa política diferente, porque somos optimistas co proxecto nacionalista, optimistas co futuro do país se damos os cambios necesarios e urxentes para derrotar a política antisocial e antigalega que representa Feijóo, explicou.
En relación á data da convocatoria, Pontón salientou que o candidato popular convocará as eleccións cando considere que lle convén a el e ao seu partido, pero que o BNG está preparado para esa cita electoral, sexa o 25 de setembro ou calquera domingo de outono, ademais de instar a que se convoquen canto antes porque Feijóo xa non ten nada que aportar e deixa un país en situación de emerxencia nacional e social.
Deixa os sectores produtivo moi danados, e deixa moi deteriorada a vida de miles de galegos e de galegas, con máis paro, emigración, salarios máis baixos, e a moitas persoas desafiuzadas trala crise, subliñou Pontón.
O mellor antídoto
O programa que deseñará o BNG dará alternativas a Galiza de hoxe a esta situación desde o convencemento de que incrementar a nosa capacidade para autogobernarnos é a mellor receita, indicou, tras lembrar que despois de que as estratexias do PSOE e de Podemos fortalecesen ao PP, o mellor antídoto contra o PP e o BNG.
A convocatoria do 25 de xullo foi a outra cuestión abordada polo Consello Nacional de cara a preparar unha manifestación aberta a todos os e as nacionalistas e a todas as persoas que sintan este país, para que o vindeiro Día da Patria se converta unha vez máis nunha xornada de reivindicación dos dereitos dos galegos e das galegas.
Dereito a ter emprego digno, futuro na terra, unha sanidade e servizos públicos de calidade, un día de reivindicación do orgullo de sernos galegos e nacionalistas. É unha convocatoria na que queremos que todas as persoas que creen que é fundamental que teñamos alternativas políticas propias se fagan sentir nesa manifestación e volvamos facer da capital de Galiza o epicentro de todos os galegos e galegas de nación, explicou
Proceso Adiante
O máximo órgano do Bloque entre asembleas tamén deu luz verde a unha nova fase do Proceso Adiante, coa posta en marcha dunha comisión aberta que se reunirá ao longo deste mes, e que terá como responsábeis a Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, e Francisco Jorquera, portavoz parlamentario. Ademais, trasládase ás asembleas locais e comarcais o informe de análise e valoración das eleccións xerais do 26X para recoller as aportacións que se fagan desde a base da militancia e simpatizantes.