O BNG solicita unha investigación exhaustiva do brote de tuberculose no vacún galego
A deputada do BNG, Tereixa Paz tamén pediu evitar o sacrificio de animais sans realizando unha segunda proba antes do sacrificio, proposta que a Xunta non está disposta a realizar
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz pediu unha investigación exhaustiva sobre o brote de tuberculose no gando, unha segunda proba antes do sacrificio de animais e axilizar o pago das indemnizacións polo sacrificio de reses.
Tras a comparecencia da directora Xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, a petición propia, para explicar as actuacións da consellería de Medio Rural relacionadas coas probas de tuberculose no gando vacún galego, a nacionalista asegurou que o brote nalgunhas comarcas sitúa as primeiras probas entre o 200% e 300 % de casos positivos e post-morten, tras o sacrificio, o 95% dos casos resultan falsos positivos.
Neste sentido, insistiu na realización dunha segunda proba para evitar sacrificios innecesarios, proposta que a Xunta non secundará para non contravir unha instrución do Misterio, aínda que existan sentencias que o permitan como a emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Castela-León.
Por outra parte, na súa intervención, a nacionalista tamén solicitou da Xunta poñer en marcha un programa de recría de gando para evitar a contaminación da cabana galega ante a necesidade dos gandeiros por mercar reses doutras comunidades para repoñer nas explotacións.
Tereixa Paz concluíu con outra reclamación para axilizar o pago das indemnizacións por sacrificio de reses, así como establecer axudas extraordinarias para a reposición do gando nos casos de sacrificio total das reses e co fin de recuperar canto antes a produción, paliar as perdas pola falta de comercialización da carne e o leite e perdas ocasionadas pola inmobilización de animais obrigando ao xatos a permanecer na explotación.
O BNG desminte á Xunta nas porcentaxes de axudas ao sector do viño galego
Tereixa Paz negou as afirmacións da directora Xeral de Produción Agropecuaria sobre a cantidade de fondos da OCM e a PAC para o viño e criticou o triunfalismo do Goberno galego sobre esta cuestión cando en realidade dixo, os viticultores galegos perderon cartos que foron absorbidos polos produtores de viño de Castela- A Mancha.
As axudas hai que quitarllas aos latifundistas e non aos viticultores galegos, sentenciou .