O BNG solicita a documentación do acordo sobre os edificios da Cidade da Cultura

A deputada do BNG, Ana Pontón alerta dunha “posíbel ilegalidade” ao ceder dous edificios en espazos públicos a empresas privadas e pide que Núñez Feijóo compareza na Cámara galega para explicar o acordo do Consello da Xunta

A deputada do BNG, Ana Pontón ven de solicitar, a través do artigo 9, toda a documentación do acordo do Consello da Xunta sobre os dous edificios da Cidade da Cultura paralizados por un acordo parlamentario, á iniciativa do BNG.

A deputada tamén rexistra unha interpelación ao Goberno galego e unha pregunta parlamentaria ao fin de coñecer a avaliación da Xunta sobre o custe da rescisión do contrato e as condicións nas que se realizará.

Para a nacionalista, o Presidente da Xunta debe comparecer na Cámara galega e dar explicacións sobre os termos do acordo porque ao seu entender, existen “aspectos escuros” que deben ser aclarados en sede parlamentar sobre o carácter de espazo protexido do Monte Gaiás.

A nacionalista quer lembrar que o pasado 23 de Marzo do ano 2013, á iniciativa do BNG, o Parlamento galego acordaba solicitar á Xunta paralizar os dous edificios pendentes de construír e onte o Consello da Xunta decidía autorizar ao Padroado da Fundación da Cidade da Cultura resolver, por mutuo acordo, os contratos de execución das obras dos devanditos edificios.