O BNG rexistra iniciativas para que a banca "se responsabilice" dos desafiuzamentos"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, a portavoz no Congreso, Olaia Fernández Davila, e o responsábel da área de Vivenda no Parlamento, Cosme Pombo, veñen de presentar en rolda de prensa unha serie de iniciativas que ten rexistrado no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados nas que se insta á modificación da lei hipotecaria para dar “unha solución ao drama social dos desafiuzamentos”. Para alén das iniciativas que se están a rexistrar nos concellos dende a oposición e medidas que levan adiante gobernos municipais dos que participa o BNG.

O portavoz nacional destacou que a banca “ten que responsabilizarse desta onda de desafiuzamentos salvaxes, a banca gaña e as persoas perden. Ou se fai cargo o culpábel ou a vítima e o BNG di que é o culpábel o que se ten que facer cargo”.

Guillerme salientou que, para o BNG, o novo decreto do goberno e o diálogo de PP e PSOE é unha “burla macabra” e remarcou que o PSOE “foi responsábel tamén no seu momento de non adoptar ningunha medida”.

Pola súa banda, o BNG, tal e como lembrou Olaia Fernández Davila, leva presentando desde o ano 2010 iniciativas para que se resolvan os problemas das familias con dificultades para pagar as súas hipotecas que foron rexeitadas polo PP e PSOE. “Se se tivesen tomado as medidas necesarias que propuxemos, teríase evitado este drama”, apostilou.

Fernández Davila quixo facer un recoñecemento expreso do movemento social da cidadanía organizada que está a plantar cara aos desafiuzamentos e explicou as medidas que propón o BNG desde as institucións e que deben pasar pola modificación da lei hipotecaria.

A portavoz no Congreso reiterou que o Real Decreto aprobado polo goberno “non resolve nada” e defendeu as propostas do BNG sobre a dación en pago, e que todas as medidas teñan carácter retroactivo.

Pola súa banda, Cosme Pombo, portavoz de vivenda no Parlamento de Galiza, expuxo as medidas propostas polo BNG nesta cámara, na mesma liña que as do Congreso, e que inclúen “a creación dunha bolsa de vivendas para persoas desafiuzadas ou con problemas económicos, asi como unha moratoria que se poida traducir de diferentes formas segundo as particularidades dos casos” e especificou que, ao contrario do que se recolle no real decreto estatal “todos os casos deben poder acollerse a estas medidas”.

“Os poderes públicos teñen que defender o dereito a unha vivenda”, afirmou, “se hai milleiros de casas baleiras e milleiros de familias sen casa, hai que ofrecerlles unha solución”.

Urdangarín

Sobre o caso Urdangarín, o portavoz nacional explicou que debe “facerse verdade aquilo de que a xustiza é igual para todos e todas”, que tal e como lembrou, çe unha frase do monarca español.

Guillerme considerou “normal” que se lle impoña unha fianza nesta situación e amosou o seu desexo de que “caia o peso da lei se se demostra a súa culpabilidade”.

 

http://youtu.be/B_vjUk5vsKM