O BNG rexeita o plan da flota pesqueira 2015 porque potencia o desguace
O deputado criticou que o plan contemple o despezamento de barcos fronte a desenvolver a actividade pesqueira
A parlamentario do BNG, Daniel Rodas defendeu unha proposición non de lei instando á Xunta a rexeitar o plan da flota pesqueira 2015 elaborado polo goberno central e remitido á Comisión europea por considerar que potencia o despezamento de barcos en troques de priorizar a actividade pesqueira.
O deputado explicou que no mes de xullo, o goberno español enviou á comisión europea o plan de acción da flota pesqueira 2015 , un documento que cualificou de demoledor porque apunta ao número de barcos que deben ser despezados, sen embargo, dixo, o documento non fai referencia aos responsábeis do desaxuste entre a actividade pesqueira e os recursos, ás decisións políticas da Xunta e de Madrid que condenaron ao cerco a unhas cotas miserábeis, a falta de reparto para a volanta que lle permita a viabilidade económica ou a situación das artes continxentadas que lle outorga catro veces máis dereitos de pesca a unha embarcación vasca que a unha galega.
Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, José Manuel Balseiro presentou unha emenda coa finalidade de actualizar a proposta nacionalista, emenda que o deputado do BNG rexeitou por considerar que o texto reflectía a mellora das cotas acadadas polo PP, cotas que o parlamentario do BNG negou e preguntou a que mellora de cotas se refire vostede, á da xarda, á da sardiña, a pescada ou do bocarte.
Daniel Rodas lembrou que o Partido popular leva 30 anos gobernando e non presentou ningunha medida para reclamar de Europa a eliminación do principio de estabilidade relativa nin reclamou do goberno do Estado un reparto de cotas que poñan en valor medidas como: o descanso semanal de tres días ou cupos diarios para garantir a actividade e o emprego e nas augas galegas desenvolver unha xestión que permita a viabilidade de artes como o xeito ou potenciar as reservas mariñas como modelo de xestión sustentable.
A Proposición non de lei do BNG acadou o apoio dos grupos da oposición pero foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.