BNG rexeita inxerencias de Rajoy e solidarizase coa Venezuela bolivariana
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) manifesta publicamente o rexeitamento ás accións e declaracións do Presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, en relación a Venezuela, na medida en que supoñen un acto inaceptábel de inxerencia nos asuntos internos dese país e unha falta de respecto á soberanía da República Bolivariana de Venezuela.
Consideramos que Mariano Rajoy, principal responsábel dos continuos recortes e das políticas anti-sociais que prexudican claramente os traballadores e traballadoras galegas en tanto benefician o gran capital; responsábel último, como dirixente do PP, de continuados escándalos de corrupción e de saqueo do público que afectan ao seu partido; responsábel tamén dunha resposta crecentemente autoritaria e antidemocrática ás mobilizacións populares e ás reivindicacións de soberanía das nacións do Estado español, non é precisamente un líder político que teña ningún tipo de lexitimidade moral para pretender dar consellos a terceiros países sobre como dirixir os seus asuntos internos.
Mais, para alén desta consideración, sempre consideraremos inxustificábel calquera interferencia nas decisións soberanas doutros estados, neste caso da República Bolivariana de Venezuela.
O BNG trasladou esta posición, ao tempo que unha mensaxe de solidariedade, ao Embaixador de Venezuela, á Cónsul dese país en Galiza e ao Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV). Como forza patriótica que loita pola liberdade e soberanía da nosa nación, Galiza, o nacionalismo galego será sempre plenamente solidario de todos os pobos, como o de Venezuela, que reafirman cada día o desexo de preservar a súa soberanía e independencia nacional, para a pór ao servizo d@s traballador@s e da construción dunha sociedade libre, xusta e igualitaria.