O BNG rexeita as detencións en Euskal Herría e denuncia o recorte de dereitos no Estado español
O Bloque considera alarmante comprobar o acelerado retroceso no exercicio de dereitos democráticos que se está a dar no Estado español, que se certifica con actuacións policiais e xudiciais como a que hoxe denuncia e que nos retrotraen a tempos que deberan ser xa superados.
Neste sentido, o BNG considera que o PP pretende eliminar calquera posibilidade de solución política ás demandas maioritarias do pobo vasco e, máis unha vez, mesmo opta pola utilización perversa do conflito vasco como coartada que xustifique as súas políticas involucionistas desde o punto de vista de dereitos democráticos.
A Executiva Nacional do BNG expresa a súa plena solidariedade coas persoas detidas e exixe a súa posta en liberdade inmediata, ademais de reafirmar o seu compromiso cos principios da paz, da democracia, da liberdade, da xustiza e da soberanía dos pobos vasco e galego.