O BNG rexeita o Decreto eléctrico e salienta que "a factura da luz é a terceira máis cara da UE"
Rosana Pérez censurou o Real Decreto por ineficaz e continuista, que vai incrementar o prezo da luz. Unha normativa que continúa a liña das modificacións que xa se demostraron ineficientes para o obxectivo de reducción do défice tarifario, e que cargan inxustamente a problemática do défice sobre as enerxías renovábeis e na factura eléctrica que pagan os consumidores. Lembrou neste sentido, que o prezo da luz no estado español é o terceiro maior da UE, só superado por Irlanda e Chipre.
Por qué hai incentivos para enerxías renovábeis nas Illas e na Galiza non?
A deputada do BNG criticou especialmente a eliminación de primas ás enerxías renovábeis, e denunciou que o Real Decreto contemple incentivos específicos para a enerxía eólica e fotovoltaica nos territorios insulares, Canarias e Baleares, mentras que no Decreto de 2012 suprimiron as primas a renovábeis e suspenderon o rexisto de pre-asignación, que para Galiza supuxo a paralización de todo o sector eólico e o golpe de graza definitivo ao concurso impulsado polo Goberno de Feijoó, e resulta que agora se conceden primas para determinados territorios.
Galiza debe ter unha tarifa eléctrica máis baixa
Rosana Pérez fixo unha breve alusión ao anteproxecto de reforma do sector eléctrico para advertir que se pretende arrebatar competencias ás autonomías en materias como a concesión de autorizacións para determinadas instalacións. Así en comunidades onde se gravan instalacións de xeneración eléctrica como é o caso de Galiza, a electricidade será máis cara que en comunidades onde non hai instalacións de xeneración como é o caso de Madrid. Desde o BNG pedimos que se impulse unha tarifa eléctrica galega cun prezo inferior debido á nosa condición de territorio excedentario en producción enerxética.
Neste sentido, resaltou que Galiza é unha exportadora de enerxía que só padece os efectos negativos disto pero non os positivos, non hai beneficios que redunden no noso territorio por esta cuestión.