O BNG reproba a Juárez por vetar a comparecencia dos responsabéis de Tráfico no Parlamento
Nunha carta remitida á Presidenta do Parlamento, o Delegado do Goberno, Samuel Juárez confirma que a Xefa Provincial de Tráfico da Garda Civil en Galiza e o Tenente Coronel, responsábel da Agrupación de tráfico, non comparecerán o vindeiro día 24 na Comisión de Seguridade viaria pola súa condición de funcionarios da Administración Xeral do Estado
O delegado do Goberno en Galiza, Samuel Juárez remite unha carta á Presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo na que confirma que a Xefa Provincial de Tráfico na Coruña e o Tenente Coronel responsábel da Agrupación de Tráfico da Grada Civil non comparecerán o vindeiro día 24 na Comisión de seguridade viaria pola súa condición de funcionarios da Administración Xeral do Estado.
Por outra parte, hoxe tampouco compareceu na comisión o Xefe de Demarcación de Estradas do Estado en Galiza por considerar (segundo carta remitida tamén á Presidenta da Cámara galega) que a súa actividade, como Xefe da Demarcación circunscríbese ás infraestruturas viarias do ámbito da Rede de estradas do Estado en Galiza.
O BNG reproba que Juárez non colabore para mellorar a seguridade viaria en Galiza
Para a parlamentaria do BNG, Ana Pontón, a actitude do delegado do Goberno resulta intolerábel e grave que non colabore nunha comisión de estudo para mellorar a seguridade viaria.
Lamentamos, dixo, que teña tempo para organizar cargas contra os mariñeiros do cerco e impida a comparecencia dos responsábeis de Tráfico nunha comisión destinada a mellorar a seguridade viaria no noso País.
Pontón avanzou que o BNG requirirá da Presidenta a presenza dos cargos convocados no Parlamento e que de negarse non desbotamos reprobar a actitude do delegado do Goberno.