BNG reitera petición de cese do presidente da Deputación de Ourense tras novos datos "caso Baltar"
O BNG reitera a súa petición ao PP de cesar ao presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e seguirá a esixir explicacións no ente provincial, unha vez coñecidas as novidades do denominado caso Baltar en relación á denuncia dunha muller que acusa ao dirixente popular de ofrecerlle traballo a cambio de sexo, no que podería ser un suposto caso de acoso sexual.
Á espera de coñecer máis datos, o Bloque entende que a citación á vítima pode sentar un precedente negativo para todas aquelas mulleres que poidan estar sufrindo algún tipo de violencia machista e valorando a posibilidade de denunciar aos seus agresores. Na práctica sitúase publicamente á denunciante como acusada o que pode transmitir unha mensaxe de desprotección cara as potenciais vítimas.
O representante nacionalista na Deputación, Ramiro Rodríguez Suárez, lembra que o Bloque leva décadas denunciando o uso fraudulento das institucións ourensás por parte do clan Baltar, practica que quedou publicamente demostrada como habitual nas gravacións que deron pé ao coñecemento público desta cuestión. Desde o BNG reiteramos que cómpren responsabilidades políticas, que as prácticas corruptas de José Manuel Baltar están demostradas e, polo tanto, no merece estar ao fronte dunha institución, alegou.
Así mesmo, o Bloque lamenta que durante estes meses o Partido Popular mantivese, tanto na Deputación como no Parlamento galego, a negativa a dar explicacións ou aceptar as peticións do BNG de abrir unha investigación por incumprir a Lei galega de violencia de xénero, nunha actitude que proba da falta de respecto ás mulleres.