O BNG recrimina á Xunta non implicarse no conflito laboral de SERVICARNE
A deputada do BNG, Montse Prado, a través dunha proposición non de lei, instou á Xunta a dirixirse ao Goberno español esixindo a derrogación da lexislación laboral que ampara as condicións laborais infames dos traballadores e traballadoras de SERVICARNE, empresa que presta servizos a FRIGOLOURO do grupo COREN
A parlamentaria do BNG, Montse Prado explicou hoxe, na comisión de sanidade, que a empresa FRIGOLOURO instalada en Porriño leva anos contratando á empresa SERVICARNE o servizo de traballadores para realizar a maior parte da súa produción. Pola súa parte, FRIGOLOURO cambia deste xeito traballadores/as de plantilla por autónomos cooperativistas.
No debate da iniciativa nacionalista, a deputada insistiu en que os traballadores e traballadoras de SERVICARNE denuncian xornadas laborais que saben cando empezan pero non cando rematan, tempos de descanso non remunerado e salarios e condicións de traballo denigrantes. Asemade, os falsos autónomos cobran en función do que producen e descoñecen o que percibirán polo seu traballo xa que os criterios económicos da empresa varía entre os 600 e 900 euros, por 12 ou 14 horas de traballo.
A deputada lembrou que FRIGOLOURO contaba con 600 traballadores e traballadoras dende o ano 1999 pero procedeu a contratar con SERVICARNE parte da súa produción incorrendo nunha cesión ilegal de traballadores e traballadoras. FRIGOLOURO xa non contrata persoal propio, só falso autónomo, ou autónomo independente, recalcou.
No ano 99 eran 40 cooperativistas e na actualidade son 224, o cadro de COREN pasou de de 600 traballador@s a 360. Os salarios dos cooperativistas son moi inferiores e con condicións laborais denigrantes polo que reclamou da Xunta dirixirse ao Goberno español esixindo a derrogación da lexislación vixente que ampara as condicións laborais que raian a escravitude.
O PP responde ao BNG que a Xunta debe agardar polo resultado do proceso xudicial
Pola súa parte, a portavoz do Partido popular Cristina Romero amosou o rexeitamento dos feitos denunciados pola nacionalista e reiterou que hai un proceso xudicial aberto pero non depende da Xunta a solución deste conflito. Romero anunciou o compromiso da Xunta do seguimento do proceso e anunciou que o grupo maioritario votaría en contra da iniciativa do BNG.
Na réplica, a parlamentaria afirmou que os traballadores e traballadoras non poden esperar. Resulta moi difícil, dixo, escoitar como son penalizados e tratados e vostede anímaos a esperar. Non coñecemos ningunha actuación da Xunta para resolver o conflito e non chega con facer un seguimento do proceso xudicial, mentres xa van seis despedidos durante un mes.
A Xunta segue de espectadora e non amosa a máis mínima sensibilidade cos traballadores e traballadoras. Isto solucionase, concluíu a nacionalista, coa derrogación da lei laboral que ampara as condicións de escravitude dos traballadores e traballadoras de SERVICARNE