O BNG reclama a transferencia dos fondos artísticos de Novagalicia Banco
Ana Pontón insta á Xunta a reclamar ao Goberno central a obra de Castelao, Maruja Mallo, Lugrís e Antón Patiño
A portavoz de cultura do BNG, Ana Pontón presentou hoxe, en sede parlamentar, unha Proposición non de Lei na que insta á Xunta a reclamar do Goberno central a transferencia dos fondos artísticos que forman parte dos activos de Novagalicia Banco.
Na comparecencia ante os medios de comunicación, a nacionalista lembrou as iniciativas defendidas polo BNG contra o desmantelamento das caixas galegas e o espolio dos aforros de miles de galegos e galegas ao que sumou a desaparición da Obra social das caixas.
Neste sentido, destacou o impacto da desaparición das caixas e o seu patrimonio artístico acumulado ao longo da súa existencia cunha das coleccións de arte galego e moderno máis relevantes de todo o Estado.
A parlamentaria asegurou que este patrimonio, conta con máis de 7.000 obras de pintura, gravado e fotografía que representa a metade do patrimonio artístico de dominio público.
Ademais, engadiu, a colección está integrada por pezas emblemáticas dos autores máis importantes de Galiza entre os que nomeou a Castelao, Maruja Mallo, Quesada, Lugrís, Antón Patiño ou Lamazares.
No ano 2011, dixo, produciuse un acordo no Parlamento galego para recuperar este patrimonio e a través dunha iniciativa do BNG houbo un acordo por unanimidade para que a Xunta promovera que as coleccións de Caixa Nova e Caixa Galiza foran postas a disposición do patrimonio público galego e evitar a súa venda. Despois dun ano, explicou, non se fixo nada e advertiu que é necesaria unha acción urxente da Xunta para evitar unha nova espoliación desta obra ao seren Novagalicia Banco propiedade do Estado, a través do FROB.
Non queremos que esta colección remate no despacho de calquera inversor estranxeiro polo que volveu reclamar que a Xunta interveña para recuperar este patrimonio artístico galego.