O BNG reclama a prórroga indefinida da axuda de 400 euros a parados
A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou esta mañá en rolda de prensa unha iniciativa demandándolle ao Goberno que prorrogue indefinidamente o Plan Prepara dirixido a parados de longa duración e sen recursos e que restableza o pago das mensualidades atrasadas, uns 400 euros ao mes para garantir a supervivencia.
Davila lembrou que a gravísima situación que están atravesando moitas familias leva a feitos como os sucedidos en Andalucía e para evitalos o Goberno o que ten que facer é atender ao elevado número de persoas que se atopan nunha situación socioeconómica moi difícil.
Neste sentido, Davila lembrou que o día 15 remata a vixencia do Plan Prepara e por parte do Goberno mantense a incerteza sobre a súa continuidade, pois xustamente hai 8 días cando o presidente Rajoy compareceu ante os medios se dixo que non había unha decisión tomada.
A presión social e política parece que vai obrigar ao Goberno a rectificar
Neste sentido, a deputada nacionalista salientou que as campañas que se empezaron a facer por parte de diferentes grupos políticos, entre eles o BNG, e centrais sindicais cremos que foi a razón que obrigou a que no día de onte responsábeis políticos do PP falasen da posibilidade da súa prórroga.
Olaia Fernández Davila subliñou que para o BNG é ineludíbel manter esta axuda porque son 600.000 persoas as afectadas por esta prestación e tamén estamos a falar de persoas que cobran unha prestación que é o único ingreso económico que hai en núcleos familiares nos que xa non traballa ninguén.
A este respecto, lembrou que hai 1,7 millóns de parados que non cobran ningunha prestación por desemprego, así como os informes da ONU que critican as medidas do Goberno do PP porque están a empobrecer de xeito gravísimo á poboación do Estado español e que provocaron que neste momento xa hai un 21,8 % da poboación no limiar da pobreza.
A parlamentaria nacionalista cualificou de vergoñento que unha vez máis o goberno de Mariano Rajoy acceda a tomar medidas que afectan a aquelas persoas que en peor condicións están para sobrevivir, porque estamos a falar de supervivencia, porque dentro dese 21,8% de persoas no limiar da pobreza hai unha parte moi importante con dificultades para sobrevivir.
A gravísima situación das familias leva a feitos como os de Andalucía
A este respeito, Davila afirmou que estes días en Andalucía houbo algunha actuación de sindicalistas que o BNG non vai apoiar pero si que queremos recoñecer como un feito que ocorre pola gravísima situación que están vivindo moitísimas familias.
Por iso, defendeu que para evitar este tipo de situacións, o goberno ten que actuar atendendo a esas familias en situación de precariedade, de desvantaxe social.
O BNG reclama que se amplía o Plan Prepara
Ademais, Davila lembrou que o BNG tamén é crítico cos requisitos que se esixen para cobrar esta prestación, pois sempre defendimos que debería ampliarse a idade de persoas suxeitas á posibilidade de cobrala e que debería ampliarse a contía económica deste Plan para acoller a máis persoas.
Recoñecemento da cobertura sanitaria a todos os cidadáns
Por último, a deputada nacionalista anunciou que o BNG vai seguir insistindo en que o Goberno recoñeza cobertura sanitaria a todos os cidadáns do Estado, estean de alta ou non na Seguridade Social.
Davila advertiu de que coas medidas do Goberno do PP non soamente quedan fóra da cobertura sanitaria os inmigrantes en situación irregular senón tamén todos os cidadáns do Estado español que nunca cotizaron ou que perderon a súa condición de cotizantes á Seguridade Social.
Neste sentido, subliñou que entendemos dende o BNG que ningunha persoa que viva no Estado debe quedar excluída.