O BNG reclama presenza cidadá nos Consellos de Saúde de Área
A parlamentaria do BNG, Montse Prado considerou que a presenza de colectivos sociais nos consellos de saúde redundará nunha mellor atención sanitaria
A deputada do BNG,Montse Prado defendeu hoxe unha proposición non de lei na Comisión de sanidade para reclamar a constitución e convocatoria dos consellos de saúde de área coa presenza de colectivos cidadás co fin de mellorar a política sanitaria galega
A deputada defendeu a constitución dos consellos de saúde de área apelando o decreto que regula a organización integrada do SERGAS que non modifica o mapa sanitario vixente e non deroga as áreas de saúde o que significa, na súa opinión, que cambia o modelo de xestión pero non o de participación.
Neste sentido explicou que o decreto, desmantelou a atención primaria e os centros comarcais como os do Salnés, Barbanza, Verín o Valdeorras que ficaron sen xerencia propia concentrando a atención hospitalaria no ámbito provincial o que provocou un gran distanciamento da poboación e profesionais, situación dixo, que xa foi denunciada polo BNG no seu momento e desgraciadamente estamos a constatar na actualidade.
Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Miguel Santalices presentou unha emenda á proposta do BNG que a nacionalista rexeitou por considerar que a intención non era outra máis que opoñerse a constituír os consellos de saúde.
Prado reiterou que a proposición non de lei do BNG pretende que o PP teste, conxuntamente coa poboación a política sanitaria galega porque a poboación quere saber, opinar, avaliar e ser escoitada.
Para a deputada, a presenza de asociacións de veciños e doentes nos consellos de saúde permitiría facer escoitar a voz do pobo galego naquelas decisións e medidas que o Partido popular aplica na política sanitaria galega.
Montse Prado rematou a súa intervención acusando ao Goberno galego de consolidar unha política sanitaria, menos gratuíta, menos universal e menos próxima para seguir no camiño da privatización.
A iniciativa do BNG contou co apoio dos grupos parlamentarios de AGE e PsdeG e foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.