O BNG reclama impulsar o autoconsumo e unha normativa de autoxeración de enerxía
Carme Adán avogou por impulsar o autoconsumo cunha normativa de balance neto na que o cliente xere a súa enerxía eléctrica compensando os saldos de enerxía de maneira diferida como fan na maioría dos países occidentais dende Alemaña e Italia ate EE.UU e Xapón
A deputada defendeu, hoxe en comisión, unha Proposición non de lei instando á Xunta a demandar do Goberno do Estado establecer un marco competencial no que Galiza permita impulsar unha normativa que ampare a autoxeración de enerxía en balance neto.
Adán lamentou os votos desfavorábeis do Partido popular que impediron que prosperara unha iniciativa para impulsar que os consumidores xeren a súa propia electricidade e o autoconsumo de enerxías renovábeis sexa unha alternativa de futuro aos actuais sistemas de xeración de enerxía eléctrica.
A parlamentaria lembrou que o propio Ministro de Industria, José Manuel Soria publicou un twitt persoal afirmando, para pronto Decreto balance neto pero as grandes empresas eléctricas posicionaronse en contra e Soria decidiu deixar no caixón o decreto e incluír o artigo nove de autoconsumo eléctrico convertendo aos autoconsumidores en grandes produtores de enerxía e obrigándoos a pagar unha peaxe de respaldo.
Democratizar a enerxía fronte ao oligopolio das grandes eléctricas
A deputada reclamou democratizar a enerxía ante a opacidade do mercado eléctrico e o status quo das grandes empresas, opacidade que estendeu ao incremento dos recibos da luz.
Adán criticou as trabas no autoconsumo ás que sumou outras medidas do Goberno do Estado para limitar o impulso da enerxías limpas e renovábeis deixando en papel molladocalquera competencia autonómica nesta materia.
A parlamentaria remarcou que o autoconsumo de enerxías renovábeis non implica beneficio para o consumidor. En Galicia, engadiu, existe o Clúster de autoconsumo enerxético que defende achegar ás enerxías limpas aos consumidores.
Pola súa parte, o voceiro do Partido popular xustificou o voto negativo á iniciativa nacionalista alegando que sería discriminatorio para o resto dos usuarios ao verse obrigados a pagar máis ao que a deputada replicou, chama a atención a coincidencia dos argumentos do Partido popular cos de IBERDROLA, unha empresa con máis de 1.000 millóns de euros de beneficios ao ano.