O BNG reclama un compromiso da Consellería do Mar para resolver a inactividade do xeito
Daniel Rodas defendeu unha Proposición non de lei na comisión de Pesca con medidas concretas contra a prohibición de pescar sardiña coa arte do xeito que foi aprobada por unanimidade
O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas, demandou hoxe do Goberno galego solucións urxentes a decisión adoptada polo Magrama do peche da pesquería da sardiña nas zonas VIIIc e Ixa, medida que de maneira colateral afecta a inactividade de máis de 427 embarcacións adicadas a esta pesquería coa arte do xeito, dende o pasado 20 de setembro.
O grande número de embarcacións dedicadas á pesca da sardiña coa arte tradicional do xeito, representa no conxunto da pesquería unha cantidade pouco significante, pero impedir a súa actividade conduce á precariedade unha obriga a ter paralizada a unha parte importante do sector que tiña neste arte unha alternativa ante as escasas capturas no marisqueo.
A esta situación, dixo o nacionalista, hai que engadir a proposta da UE de eliminar as artes de deriva a partir do 1 de xaneiro de 2015, provocando a extinción desta arte ancestral, selectiva e sostible, e polo que denunciou que no procedemento de consulta realizado no 2013 unicamente houbo unha proposta realizada pola OPP de Lugo, o que evidencia a falta de compromiso do Goberno galego.
O deputado do BNG, Daniel Rodas criticou que despois de recibir Rosa Quintana ao sector, nada ten mudado. Ao seu xuízo, unha maneira de resolver o problema pasa por modificar a actual Orde do Goberno central, excluíndo as artes tradicionais como o xeito ou ben a desenvolver as competencias propias de Galiza, autorizando a pesca da sardiña en augas interiores.
Pola súa parte, o portavoz popular, Gonzalo Trenor afirmou que a Xunta xa enviou alegacións a Bruxelas e a Comisión europea solicitou máis información sobre esta cuestión ao Goberno galego. Na actualidade dixo, o PP seguirá defendendo esta arte, pero agora hai que enviar nova información a Bruxelas. Trenor avanzou a necesidade dun acordo no Parlamento para continuar coa reclamación da actividade do xeito. A proposición non de lei defendida polo deputado nacionalista foi aprobada por unanimidade na comisión de Pesca celebrado hoxe no Parlamento galego.