O BNG reclama "calidade" para o ensino público galego e restituír os postos de docentes suprimidos
O deputado do BNG, Cosme Pombo defendeu unha Proposición non de lei instando á Xunta a recuperar os postos docentes suprimidos durante o goberno de Feijóo e restituír as condicións sociolaborais do profesorado
O deputado do BNG, Cosme Pombo volveu a poñer hoxe de relevo os continuos recortes do goberno de Núñez Feijóo no ensino público galego polo que reclamou, a través dunha proposición non de lei que defendeu na Comisión de Educación, recuperar os postos docentes suprimidos e restituír as condicións sociolaborais do profesorado.
O parlamentario asegurou que, a pesar da propaganda do Partido popular sobre a nova oferta de emprego público en Educación, a realidade é que a política educativa do PP é unha política continuada de recortes mesmo no presente curso como denunciaron os sindicatos do ensino con peches de ducias de aulas, escolas e recortes de profesores.
Acumulando os dous gobernos de Feijóo foron pechadas máis de 100 escolas, 500 aulas e máis de 4.000 xubilacións no ensino.
Para o BNG, dixo, o Cosme Pombo, a actuación de Feijóo sobre a política educativa tradúcese en máis recortes e a perda da calidade do sistema educativo. Agrupáronse varios niveles na mesma aula en moitos colexios no rural, foi eliminada a atención á diversidade nos centros, tanto do rural como nas cidades, e aumentou a ratio do alumnado nas aulas.Mentres isto acontece no ensino público, o ensino privado segue sendo privilexiado a pesar de segregar o alumnado por xénero.
Na opinión do BNG, dixo, o parlamentario, a calidade educativa pasa por recuperar os postos docentes ao cen por cen e restituír as condicións sociolaborais do profesorado que son o piar para o servizo público do ensino. O parlamentario considerou insuficiente a oferta anunciada por Feijóo polo que volveu solicitar o apoio da comisión á iniciativa nacionalista que reclamaba a recuperación total dos postos docentes suprimidos durante todos os anos do Goberno do Partido popular na Xunta.
A Proposición non de lei do BNG acadou o apoio dos grupos da oposición pero foi rexeitada polo grupo maioritaria do Partido popular.