O BNG ratifica en asembleas abertas promover unha candidatura galega de unidade ás eleccións xerais

BNG-Asembleas-Abertas

A base social do BNG deu luz verde á proposta do Consello Nacional de concorrer ás eleccións xerais nunha candidatura galega de unidade con personalidade xurídica propia, tras un proceso de asembleas abertas celebrado ao longo do último mes a nivel comarcal coa participación da militancia e simpatizantes da formación nacionalista.

Nun proceso de participación aberto ao conxunto da cidadanía, as asembleas abertas aprobaron co 87% de votos a favor a proposta do máximo órgano de dirección do Bloque, que só contou cun 3,6% de voto en contra e un 9,3% de abstencións. Con este aval expresado nas asembleas abertas, a dirección do BNG mantén o obxectivo de promover un amplo proceso social que culmine coa conformación du

nha gran candidatura galega de unidade.

Sen exclusións, o BNG aposta por sumar con todas as forzas políticas, colectivos sociais e, sobre todo, con toda a cidadanía que comparta o obxectivo de dotar Galiza de voz soberana no Congreso, a través dun grupo parlamentario propio sen supeditación algunha a ningún outro grupo o estrutura estatal, conformando esa candidatura galega de unidade con personalidade xurídica.

A formación nacionalista considera que a vindeira lexislatura será crucial na configuración do modelo de Estado, e será máis necesario ca nunca que Galiza conte cunha representación forte que defenda os seus intereses inmediatos e estratéxicos, e o dereito de autodeterminación dos pobos.

Para o BNG, nas eleccións xerais está en xogo moito máis que a posibilidade de mudar a cor política do Goberno central que, sendo necesaria, non resolve os problemas do país, que precisa unha representación soberana no Congreso a través dunha candidatura galega de unidade.