O BNG propón máis peso económico e social no Plan de Dinamización Demográfica
O portavoz nacionalista de Política Social, Manuel Parga Núñez urxe ao Goberno galego a mudar a política de recortes para resolver a baixa taxa de natalidade galega.
Parga que valorou o documento presentado polo Partido popular, criticou a súa diagnose errada e a falta de memoria económica e cronograma verificable, son medidas, dixo, de carácter sensibilizador pero non van as verdadeiras causas do problema demográfico nin aporta solucións para o mesmo.
O deputado engadiu que a política de recortes da Xunta non incentivará medidas contra o índice demográfico polo contrario é necesario, impulsar políticas económicas de crecemento polo que pediu ao Goberno abandonar a súa política de austeridade fracasada e acometer medias sociais e económicas na liña de: reter á mocidade no País, protexer ás crianzas e fixar poboación no ámbito rural.
A crise económica, desemprego, paro feminino e emigración da mocidade, principais causas da baixa natalidade
O nacionalista insistiu nas causas que provocan o problema demográfico que centrou na crise económica e na súa evolución, altas taxas de desemprego, paro feminino e emigración dos mozos e mozas.
Propostas do BNG
Para o deputado, unha das medidas urxentes contra o problema demográfico galego pasa pola aplicación dun plano de Emprego Xuvenil, o acceso a unha vivenda digna e medidas de corresponsabilidade.
Neste sentido, tamén explicou que a crise demográfica galega non se resolve como pretende o PP con medidas que, ao seu xuízo, mesmo a acentúan, polo contrario, considerou é necesario implementar apoio económico ás familias monoparentáis, recuperar o Programa Preescolar na casa e axilizar os procesos de acollemento.
O PP non pode obrigar ás mulleres a teren fillos, son elas as que deciden
Ter fillos ou non é unha decisión das mulleres e a obriga dos poderes públicos non é dicirlles que os teñan, o seu deber, dixo o nacionalista, é garantir o apoio social e económico para evitar que a maternidade se converta nunha carga para o desenvolvemento das mulleres.
Asemade, dixo, a nivel lexislativo deben ser abordadas medidas de conciliación que permitan reorganizar o traballo, derrogar a reforma laboral que impide esta conciliación ao que hai que sumar, a derrogación do decreto de servizos sociais comunitarios que recorta o apoio social ás familias naqueles concellos con menos de 20.000 habitantes.
Por outra parte, engadiu, cumpre promover o coidado de maiores como unha oportunidade de emprego responder aos retos deste coidado baseado na atención domiciliaria e dotación de centros non residenciais e residenciais.
Garantir á poboación recursos económicos, impulsar a igualdade laboral das mulleres e adaptar os horarios, condicións necesarias contra a baixa natalidade
Finalmente, o parlamentario do BNG avogou por establecer axudas ás familias con fillos e fillas,mellorar o acceso á vivenda, garantir a toda a poboación uns recursos económicos a través do RISGA e gratuidade dos libros de texto na educación infantil e no ensino obrigatorio.
Parga concluíu aludindo a elaboración de directrices na liña de suprimir ontidos sexistas dos libros de texto e material de apoio escolar e aprobar medidas de mellora real da igualdade laboral das mulleres, hai que adaptar o horario dos nenos ao horario laboral e establecer uns horarios laborais conciliables coa crianza.