O BNG propón un control para que non cheguen ao mercado centolas "faroles"
O deputado Daniel Rodas reclamou unha extracción regulada para alcanzar prezos acorde á calidade do produto e un control para que as centolas que non estean cheas non cheguen ao mercado
O parlamentario lamentou hoxe os votos en contra do Partido popular á Proposición non de lei nacionalista debatida na comisión de Pesca para instar á Xunta de Galiza a iniciar as xestións necesarias co fin de comercializar a centola a través dunha DOP ou IXP que garanta a súa procedencia e sobre todo a súa calidade e permitindo unha extracción regulada alcanzando prezos acorde á calidade do produto.
O parlamentario reiterou que a centola galega é a mellor do mundo pero nestas datas só unha pequena cantidade sae chea mentres que a maioría son farois pola falta de regulación na extracción e control.
Na defensa da proposta, Rodas explicou que nestas datas ábrese a campaña da centola comezando pola parte Sur e continuándoa pola zona dende Corrubedo a Estaca de Bares e nestes primeiros días os prezos flutúan entre os 14 euros para unha pequena cantidade de marisco e prezos de miseria para a maioría das capturas.
Para o deputado a campaña está mal planificada porque inunda o mercado con especies de escaso valor alcanzando no mercado prezos que van de 16 euros a 4 e nalgúns casos a 2,5 euros.
O deputado explicou que chegado decembro comeza a entrar centola e despois da súa captura vaise acumulando e a diferenza radica entre as que están cheas e as que son farol polo que propuxo un mínimo control para que as centolas que non están cheas non cheguen ao mercado.Para o deputado, esta circunstancia só contribúe a tirar os prezos ata 2,5 euros ou 4 euros a peza de centola.
Pola súa parte, o portavoz do PP, José Manuel Balseiro anunciou o voto en contra á proposta do BNG por considerar que non hai necesidade dunha denominación de orixe porque o produto xa está protexido.
O nacionalista lamentou a resposta do PP e volveu reclamar prezos razoables para a centola nestas datas. En Vigo, dixo, hai dous barcos que traen centolas seleccionadas e tíranse a eles porque saben que ningunha vai ser un farol pero o 90 por cento non ten calidade suficiente e debemos tomar medidas para que a calidade sexa a mellor con prezos xustos.
O PP, dixo o parlamentario nacionalista , é unha apisoadora sen capacidade para centralizar a venda da centola en catro lonxas e establecer un control para ofrecer un produto de calidade. A centola galega, recalcou, é a mellor do mundo e debemos protexela.