O BNG propón cambiar de lugar a gasolineira da Covecha polo risco que entraña e o PP vota en contra
Ana Pontón trasladou ao Parlamento o malestar d@s veciñ@s que reclaman outra ubicación polo perigo que entraña unha instalación de combustible nunha zona tan poboada
A deputada do BNG, Ana Pontón, defendeu hoxe unha Proposición non de lei en comisión destinada a modificar o emprazamento da gasolineira da Covecha na Pobra do Caramiñal.
Na súa intervención, a nacionalista que mostrou un cartaz co lema Gasolineira na Covecha NON, salientou a demanda d@s veciñ@s da Pobra do Caramiñal, apoiadas por máis de 700 sinaturas contra o lugar previsto para a instalación da gasolineira, vostedes , afirmou, hoxe rinse deles, tras anunciar o portavoz popular, Jose Manuel Balseiro o voto desfavorábel do PP á iniciativa nacionalista.
A deputada criticou que o portavoz popular limitarase a ler un papel sen coñecer realmente a realidade e a información e botou en falta que non intervira no seu lugar a deputada popular e concelleira barbancesa Pouso Maneiro tamén membro da comisión, porque ela coñece moito mellor o tema e sabe que o que vostede acaba de dicir son falsidades, denunciou.
Na quenda de réplica e tras preguntar o voceiro popular polas alternativas que presentaría o BNG para unha nova localización da gasolineira, Pontón amosou un documento reflectindo un lugar en mellores condicións para o surtidor e preguntou porque foi desbotada esta localización, calquera que coñeza o Porto da Pobra do Caramiñal explicou, sabe que existe unha zona moi importante con puntos para acoller a gasolineira. Pontón tamén dubidou da eficiencia do lugar elixido por Portos de Galiza pola falta de calado.
O PP falseou o informe ambiental e mentiu aos veciñ@s
A deputada cuestionou o dialogo ofrecido polo Partido popular despois de obviar as setecentas alegacións dos veciñ@s e advertiu que a obriga do PP é cumprir a lei. Polo momento, as persoas afectadas non recibiron ningún tipo de notificación, o que si se fixo foi un informe ambiental falseado para colocar unha gasolineira cerca de zonas sensibles, vostede sabe que con este proceder poden incorrer nun delito, advertiu.
Pola súa parte o voceiro, popular defendeu o proxecto e afirmou que o concello, o seu alcalde e Portos de Galiza buscan sempre o mellor para os veciños e a gasolineira e unha medida beneficiosa para os profesionais.
Neste sentido, a nacionalista insistiu en que existen outros lugares para dar subministro aos traballadores e traballadoras do mar e se queren defender a legalidade e aos veciños, voten a favor desta iniciativa que o único que pide e que non se faga a gasolineira na zona da Covecha concluíu.