O BNG presente na Festa do AVANTE 2013
Un ano máis, o BNG participou activamente na Festa do AVANTE 2013 a través de diversos encontros con outras forzas progresistas e un stand propio no Espazo Internacional
O responsable de iniciativas políticas, Néstor Rego e a Responsable de Imaxe e campañas, Montse Prado representaron ao Bloque Nacionalista galego na Festa do AVANTE 2013 celebrada esta fin de semana na baía do Seixal (Portugal).
Organizado polo Partido Comunista Portugués a Festa do Avante congregou na última edición, a homes e mulleres vindos de todos os puntos de Portugal e outras nacións para participaren en múltiples actos culturais, políticos e diversas actividades deportivas.
Pola súa parte, o BNG a través dun stand propio deu conta das liñas políticas desta forza nacionalista e do dereito á Soberanía de Galiza.
A deputada e responsable de Imaxe e campañas, Montse Prado asegurou que o Espazo Internacional no que estivo presente o BNG converteuse, unha vez máis, nun espazo de fraternidade e solidariedade entre todas aquelas persoas que loitan por un mundo máis xusto, de progreso e paz.
Neste sentido, salientou a participación do BNG nos diferentes debates celebrados ao longo dos días 6,7 e 8 de setembro centrados na loita dos pobos polo dereito a decidir, a presentación de alternativas contra o capitalismo salvaxe e a condena unánime dos asistentes a un posible ataque contra Siria.
Montse Prado lembrou que o BNG leva anos participando activamente na Festa do AVANTE e fortalecendo as súas relacións con forzas políticas progresistas de diferentes lugares do mundo.