O BNG presenta unha proposición no Congreso para que se garantan créditos aos estaleiros
Davila traslada ao Goberno a enorme preocupación existente no sector naval polos graves problemas de financiamento para poder construir barcos dado que as entidades financeiras do estado español lles negan o crédito. Un novo obstáculo engadido á situación de parálise dos estaleiros durante dous anos pola tardanza da UE en resolver o expediente aberto pola aplicación do anterior Tax Lease.
A deputada do BNG pón de manifesto que os estaleiros contan con proxectos e teñen moitas posibilidades de construir buques pero os bancos non lles otorgan o necesario financiamento. A negativa dos bancos a dar préstamos é o que está a levar aos estaleiros da Ría de Vigo a buscar financiamento coas entidades estranxeiras.
Para a portavoz nacionalista o Goberno ten o deber de garantir, dun xeito ou outro, o financiamento aos estaleiros a fin de que poidan construir barcos, pechar contratos e recuperar a actividade depois do parón de máis de dous anos polo retraso da UE en resolver o recurso do anterior Tax Lease. Está en xogo a viabilidade futura dun sector altamente competitivo, un dos máis punteiros do mundo e de grande capacidade tecnolóxica. O Executivo debe multiplicar os esforzos, as súas xestións e medidas para impedir que o sector naval galego e doutras parte do estado caia na parálise.
As propostas do BNG
Nese sentido, na proposición non de lei o BNG insta ao Goberno a realizar xestións ante as entidades bancarias do estado para que flexibilicen a súa negativa a conceder créditos ao sector naval. Pide que se incremente a liña de préstamos ICO que se demostrou insuficiente para o financiamento de barcos que superan os 100 millóns de euros.
E finalmente, o BNG demanda ao Executivo que multiplique as iniciativas para permitir que os estaleiros galegos poidan retomar a súa actividade normal despois dos diversos problemas xerados a raiz do anterior Tax Lease.