O BNG pregunta Soria que xestións previas fixo para evitar que Navantia perdese os gaseiros

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para preguntarlle ao Ministro de Industria que xestións fixo con anterioridade para tratar de lograr que Navantia se levase o contrato dos catro gaseiros para nova ruta de transporte de gas entre EE.UU e Xapón para Stream (formada por Gas Natural e Repsol).

Rosana Pérez afirma que “as malas noticias para o sector naval público parecen sucederse sen que o Goberno central tome dunha vez as rendas do problema e evite a desaparición dos estaleiros públicos de Navantia, cuxa situación de subactividade é preocupante”. Engade que a “falla de carga de traballo é un clamor”.

Alude a deputada do BNG ás recentes novas que indican que Navantia non logrou facerse co contrato de construcción de catro buques gaseiros para Stream, formada por Gas Natural e Repsol. “Era unha oportunidade única, un contrato avaliado en 800 millóns que se levaron os estaleiros asiáticos”. Rosana Pérez subliña que a perda deste importante contrato xerou un grande malestar no Ministerio de Industria, e Soria incluso parece que lle mandou unha carta ao Presidente de Gas Natural para que se reúna con Navantia.

“Sempre tarde, mal e arrastro”

A deputada do BNG reprocha a Soria súa tardía reacción: “A nosa dúbida é a de saber se o Ministro Soria fixo xestións con antelación ou é agora cando se lamenta. Que xestións fixo o Ministerio para que Navantia se fixese co contrato dos gaseiros? Non tiña o Goberno que ter feito os deberes antes? Por que reacciona o Ministro no tema do sector naval público sempre con tanto retraso? A que se debe esta pasividade?”.

Ademáis, quer saber por que motivo se levaron os estaleiros asiático o contrato dos gaseiros. “A perda dos gaseiros é un duro golpe para os traballadores das plantillas de Ferrol e Fene que consideran que o Goberno non fixo ben os seus deberes”.

Rosana Pérez manifesta as “súas reservas ante as estratexias de Navantia porque moito nos tememos que esteamos ante a clásica manobra de dilación, de deixar pasar o tempo até que a situación sexa irreversíbel e non teña remedio”. Lembra neste sentido que só faltan tres semanas para que se remate a fabricación do único barco en construcción na Ría de Ferrol, o “Adelaide”, e se “non se actúa con urxencia a plantilla auxiliar que traballa nas súas instalacións quedará sen emprego”.

Non á perda de postos de traballo

A parlamentar nacionalista pón de manifesto que o BNG leva anos alertando nas súas iniciativas da necesidade de adoptar medidas urxentes, “anos propondo solucións que o PP asumiu en campañas electorais pero das que se esqueceu cando chegou ao Goberno”, en clara alusión ao dique flotante. Rosana Pérez advirte a Soria da alarmante situación de perda de emprego en Ferrolterra e o perigo de que miles de postos de traballo do naval desaparezan.

Por outra banda, menciona tamén o Plan de Viabilidade 2014-2017 anunciado pola dirección de Navantia. “Máis sombras para o emprego porque nada bón hai detrás da negativa da dirección a comprometerse a manter os postos de traballo para o 2014. É un síntoma negativo que da que pensar”.

Estas son as razóns polas que dirixe unha batería de preguntas ao Goberno: “Que plans de actividade ten o Executivo para os estaleiros de Navantia na Ría de Ferrol? Cando van presentar o Plan de Viabilidade? Dialogou con todos os representantes sindicais? Vai garantir a empresa o mantemento de todos os postos de traballo?”.