O BNG pregunta polo retraso da ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán
Cosme Pombo asegurou que a presión das AMPAS, comunidade educativa e grupo municipal do BNG obrigaron a consellería a reaccionar para iniciar as obras
Santiago de Compostela, 7 de marzo, 2014. O deputado do BNG Cosme Pombo formulou hoxe unha pregunta parlamentaria, na Comisión de Educación, sobre a ampliación do CEIB Emilia Pardo Bazán ante o retraso das obras e os compromisos incumpridos por parte do Conselleiro de Educación e o propio Goberno galego.
Na súa intervención, lembrou que o Goberno comprometeuse a iniciar as obras no ano 2011 e o 16 de abril 2013 o conselleiro de Educación anunciou na Coruña o proxecto cun importe de 2 millóns de euros para a construción dun edificio de 1.500 metros cadrados para acoller aulas, comedor, salón de usos múltiples e outros espazos educativos.
Na opinión do BNG, dixo, non era sen tempo e o Grupo parlamentar, mediante varias iniciativas, tamén reclamou a ampliación mesmo coa presentación dunha emenda rexeitada polo PP para introducir nos orzamentos unha ampliación da partida.
Despois de moita propaganda, manifestou, pasou o 2011,2012 e 2013 e as obras aínda seguen sen iniciarse a pesar do anuncio de que foron enviadas onte as máquinas para encetar as obras.
Cándo comezarán estas obras?cándo rematarán? e cando poderán ser utilizadas as novas instalacións deste centro preguntou o nacionalista.
Pola súa parte o Secretario xeral respondeu que a Consellería de Educación segue facendo esforzos para as tramitacións correspondentes e recursos dispoñíbeis nuns tempos de restrición orzamentaria, hoxe, un mes antes de cumprir un ano da licitación, as obras están en marcha.
Para o parlamentario, o membro do Goberno non respondeu as razóns que motivaron o retraso das obras nin a garantía, por parte da consellería, da oferta educativa conforme á demanda existente na zona. Vostede, dixo, di que as obras están en marcha pero os recortes en educación provocaron que non foran executadas nos anos 2011-2012 e 2013 .
A presión da Comunidade educativa e AMPAS obrigan á consellería a reaccionar
Resulta chocante que despois de tantas denuncias, a última no mes de decembro, ao día seguinte o conselleiro anuncie os últimos trámites para a adxudicación e despois da convocatoria dunha concentración para o 19 de febreiro, ese mesmo día, sexa adxudicada a obra e hoxe que debatemos esta iniciativa vostede nos anuncia que por fin están as obras en marcha.
Na quenda de resposta ao nacionalista, o secretario xeral non confirmou a data de remate das obras pero avanzou que a partir do xaneiro do ano 2015 poderán ser utilizadas as novas instalacións.