BNG pregunta ao Goberno se adica recursos públicos a facer informes policiais sobre o BNG

As deputadas do BNG no Congreso, Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila, presentaron unha pregunta parlamentar no Congreso a raiz das informacións sobre supostos informes policiais sobre o BNG.

As parlamentares do BNG aluden á información publicada nun diario estatal que fala de “inquedanza e preocupación entre as forzas e corpos de Seguridade do Estado polo que denominan “batasunización” dalgúns movementos políticos nacionalistas galegos”. Unha noticia que se basea en “informes elaborados tanto polos servizos policiais como pola intelixencia, que advirten do sesgo radical que toman formacións como o BNG”.

Na súa iniciativa dirixida ao Goberno, as deputadas nacionalistas consideran “preocupante desde un punto de vista democrático que a policía se adique a estas cuestións, e tamén que determinados medios teñan acceso a este tipo de informes”.

“Probada traxectoria democrática do BNG, tanto na dictadura como na etapa actual”

Deixan claro que o BNG “é unha formación política de probada traxectoria democrática, que sempre condenou o terrorismo e a violencia como instrumento para lograr os fins políticos, e que sempre se declarou pacifista e defensora do diálogo como método para resolver os conflictos”.

Davila e Rosana Pérez reprochan ao Executivo que “desde determinados ámbitos do Goberno, alentados polo partido que substenta o poder, estean a utilizar todo tipo de artimañas para criminalizar, negativizar e manipular a imaxe do BNG, e do nacionalismo galego”. Mencionan as constantes manifestacións do delegado do Goberno na Galiza que denotan “unha auténtica manía persecutoria co BNG, que deixa ás claras a intencionalidade política”.

Á vista dos feitos, as deputadas do BNG opinan que “é evidente que existe unha estratexia impulsada desde instancias gubernamentais e do PP, para desacreditar ao BNG, manchar a súa traxectoria democrática, absolutamente demostrada tanto na etapa da dictadura franquista como na actual”.

“É delito ser soberanista?”

Ademáis, sinalan que o feito de que o BNG defenda cuestións relacionadas cos dereitos humanos, os dereitos das persoas presas ou critique os abusos de autoridade, “non debe ser utilizado polo Goberno para criminalizarnos”. Engaden que “nada teñen que dicer algúns representantes do Goberno sobre as actuacións e accións socio-políticas do BNG, que nunha situación de grave crise centra a súa actividade nos colectivos afectados como os preferentistas ou os desaloxados das súas casas”.

E lamentan que “o Goberno non adique as súas enerxías a perseguer os delitos contra a facenda pública ou a fraude fiscal”. Para o BNG “é alarmente que a cidadanía descubra que o Executivo gasta parte do erario público en facer informes e persecucións de formacións políticas democráticas. Até agora defender o dereito de autodeterminación ou a independencia non se considerou un delito, o Goberno debería aclarar se a partir de agora ter ideoloxías soberanistas se vai considerar un delito”.

Por estas razóns, as parlamentares do BNG formulan ao Goberno unha serie de preguntas: “Existen informes de Interior sobre o BNG? De ser así, Considera o Goberno adecuado facer informes policiais sobre organizacións políticas democráticas? É un delito ter unha ideoloxía que defenda o dereito á autodeterminación? Cómo explica o Goberno que desde Interior se filtren documentos deste estilo a un medio de comunicación? Vai o Executivo a dar as explicacións pertinentes?”.