O BNG pide, a través dunha moción, restituír o préstamo Universal de libros de texto
O deputado do BNG, Cosme Pombo reclamou o sistema de préstamo para garantir o ensino obrigatorio básico en Galiza, iniciativa que o Partido popular rexeitou
O deputado do BNG, Cosme Pombo defendeu un ensino obrigatorio galego, gratuíto, laico e potenciador da identidade galega a través dunha moción destinada a restituír o préstamo Universal de libros de texto.
Defendemos unha rede única do ensino público porque é un dereito fundamental das persoas usuarias deste servizo, dixo, e a a lexislación debe garantir o ensino plural, democrático e non suxeito a idearios, engadiu.
Na súa intervención asegurou que o BNG reclama un ensino básico gratuíto e o sistema de préstamo universal de libros de texto fronte os recortes de profesorado e axudas para bolsas e libros.
A medida impulsada polo PP provoca aínda máis agonía económica ás familias con menos recursos
No momento de crise que estamos a vivir hai familias, afirmou, nunha situación na que lles resulta imposíbel acceder aos libros de texto polo que reiterou a necesidade de retomar o sistema de préstamo universal de libros e material didáctico para garantir a gratuidade do ensino básico obrigatorio.
Os grupos parlamentarios de AGE e PSdG amosaron o apoio á iniciativa nacionalista resultando finalmente rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular que defendeu a eliminación do préstamo de libros de texto afirmando que o ensino está garantido na educación obrigatoria.Tras a intervención do portavoz do PP, Román Rodríguez, o deputado do BNG replicou que a única maneira de manter o acceso aos estudos básicos comeza por garantir a gratuidade dos libros de texto como defendeu a propia Defensora del Pueblo, Soledad Becerril
Cosme Pombo reiterou que o BNG defende a gratuidade total do ensino básico obrigatorio e é un deber das administración públicas proporcionar os medios imprescindíbeis para cumprir este dereito.
O parlamentario do BNG lamentou o voto en contra do Partido popular e asegurou que non se trata de pedir esmola ou solidariedade, trátase de acceder a un sistema que resulta máis eficiente e xusto para todos e todas.