O BNG pide a retirada do proxecto que modifica a Lei de Montes
A deputada, Tereixa Paz reclamou, a través dunha Proposición non de lei que a Xunta manifeste ante o Goberno do Estado a súa posición contraria ao trámite dunha reforma que prexudica gravemente ao monte galego
A deputada do BNG, Tereixa Paz afirmou hoxe, na comisión de Agricultura, que a modificación da lei de Montes rebaixa a protección e conservación e lamentou que a Xunta non cuestione algúns apartados e mesmo os aplauda, a pesar de representar un retroceso para o desenvolvemento dos montes galegos.
Dende todos os ámbitos vinculados á política do monte, explicou, critican a modificación da lei sobre todo no aspecto ambientalista e ecoloxista sen esquecer as restricións que introduce para as Comunidades Autónomas sobre os seus montes e masas forestais.
Ao igual que fixera recentemente en comisión parlamentaria cando a nacionalista formulou unha pregunta ao Director de Montes sobre este asunto, hoxe reiterou que as asociacións de xuíces e fiscais xa se pronunciaron contra a prohibición da eliminación de usos urbanísticos de solos de monte arrasados por incendios forestais nun período de 30 anos. Todo o mundo que controla algo de política contra incendios, dixo, alertan do gran retroceso que vai supor para a loita contra os incendios.
Por outra parte, lembrou que dende ámbitos máis profesionais vencellados ao desenvolvendo do monte, política forestal e industria da madeira que aposta por madeiras de calidade, súmanse ás críticas sobre a modificación da lei porque opta por outros usos como a extensión e cultivos enerxéticos que repercutirán negativamente no monte e incidirán na profusión de incendios.
Para nós, dixo, é moi preocupante que a modificación da lei non contara coa colaboración dos axentes forestais e persoas afectadas que poderían aportar informes e conclusións contrarias a modificación como a eliminación de consideración de axente da autoridade aos axentes forestais na Lei de Emprego Público.
O portavoz do Partido popular, Ángel Camino anunciou o voto en contra á proposta nacionalista por considerar que a modificación mellora a lei ao que a deputada respondeu que dificilmente a mellorará cando abre pola porta de atrás o uso do monte para outros fora dos usos agrogandeiros.
A parlamentaria reiterou que o novo modelo desprotexe o monte e á cidadanía ademais de apostar por un forestal que prexudica os intereses galegos, vostedes sempre avalan as decisións de Madrid e resulta lamentable que nunca contradigan ao Goberno do Estado a pesar de que saben, que unha vez máis, está equivocado.