O BNG pide restrinxir a entrada de menores de 16 anos aos festexos taurinos
Ana Pontón, deputada do BNG e Rubén Pérez, Membro de Galiza mellor sen touradas alertaron das consecuencias para os menores ao contemplar esta clase de eventos caracterizados pola súa crueldade, tortura e violencia
A viceportavoz do BNG no Parlamento galego, Ana Pontón e o representante de Galiza mellor sen Touradas compareceron hoxe, ante os medios de comunicación, dando conta da Proposición non de Lei nacionalista que será debatida en sede parlamentar ao fin denunciar os efectos negativos nos menores que acceden aos festexos taurinos.
Existen países, dixo Pontón que prohiben a entrada dos menores ás touradas, e nós cremos que esta medida debe ser implantada tamén en Galiza. Hai cinco anos, o Parlamento galego posicionouse nesta liña, pero desgraciadamente pasado o tempo comprobamos que non se fixo nada nesta dirección.
A nacionalista aludiu a un recente informe que recomenda restrinxir a entrada de menores ás touradas, apoiamos esta medida para protexer aos menores contra os espectáculos violentos.
Pola súa parte, Rubén Pérez reiterou que a Plataforma Galiza mellor sen Touradas, urxe ao Goberno galego a desenvolver medidas lexislativas como as que existen xa en diferentes Estados.
A violencia ten que desaparecer recalcou o membro da Plataforma que ademais pediu non seguir expondo a menores a estas actividades seguindo as recomendacións da Convención Internacional dos Dereitos do Neno/a.
Dentro da nosa plataforma, engadiu, existe unha organización consultiva das Nacións Unidas, colectivo Franz Weber que impulsou un informe ante o Comité dos dereitos do neno para avaliar as consecuencias dos festexos taurinos nos menores como observadores e noutras ocasións, como participantes.
Finalmente, a deputada nacionalista e o responsábel de Galiza mellor sen Touradas aseguraron que son moitos os países que prohiben a entrada dos menores nas corridas de touros. Perú, Ecuador, Venezuela xa aplican esta medida e Portugal mantén a restrición nos seis anos, si vale para un neno portugués, tamén vale para un neno galego, concluíu Ana Pontón.