O BNG pide restituír o Acordo pesqueiro con Portugal para as embarcación de arrastre
O deputado Daniel Rodas reclamou as mesmas condicións para as embarcacións de arrastre do Cantábrico Noroeste, independentemente do país ao que pertenzan
O deputado do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe na comisión de Pesca, unha Proposición non de lei destinada a reclamar ante o Goberno español a restitución do Acordo Pesqueiro con Portugal que sometía ás mesmas condicións ás embarcacións do arrastre que faenan no Cantábrico noroeste, con independencia do país ao que pertenzan.
O parlamentario explicou que flota portuguesa pesca indiscriminadamente e todos os días da semana posibilitando a chegada do peixe para a súa venda nas lonxas. Os armadores galegos mercan embarcacións con máis de trinta anos, ou abandeiran os seus barcos en Portugal porque as condicións pesqueiras son mellores e precarias as condicións laborais das tribulacións.
Para o BNG, esta é unha situación moi grave produto da negociación do ex-Ministro Cañete que aceptou pola porta de atrás unha nova negociación que prexudica á flota galega. Dende o BNG estamos en contra da dobre vara de medir do PP que aplaude entusiasticamente no Parlamento galego o acordo de Arias Cañete mentres a presión da flota do Golfo de Cádiz permitiu volver ás anteriores condicións das que goza a flota portuguesa, recalcou o deputado.
Os galegos somos os que máis cumprimos coa normativa afirmou e por iso reclamamos que se cumpra o compromiso co sector para que as diferentes flotas pesquen nas mesmas condicións.
Peores condicións para as tripulacións e menos descansos
Pola súa parte, o grupo popular presentou unha emenda á iniciativa do BNG que o deputado nacionalista rexeitou por considerala propagandística e sen compromiso para modificar a situación.
Mentres outras flotas consolidan a súa posición, o Goberno galego non existe para defender a flota galega como aconteceu recentemente coas cotas de xarda e o Plan da sardiña.
A Proposición non de lei nacionalista que contou cos votos a favor de PsdeG-Psoe e AGE non prosperou ao ser rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.